Luis López eloxia o alumnado redondelán que participará na Olimpíada Xuvenil de Ciencias en Tailandia como exemplo do talento da xuventude da provincia
O presidente provincial visitou o instituto Illa de San Simón acompañado polo deputado de Xuventude, Jorge Cubela, para coñecer en detalle o programa educativo do centro, participante activo nos programas “DepoEmprende” que promove a Deputación
22/11/2023
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, felicitou este mércores as e os estudantes do IES Illa de San Simón de Redondela que participarán, entre o 1 e o 10 de decembro, na Olimpíada Xuvenil de Ciencias que terá lugar na Universidade Srinakharinwirot de Bangkok, en Tailandia. As tres persoas do alumnado de bacharelato, clasificadas despois de gañar as fases autonómica e nacional deste certame no que tiñan que superar probas de física, química, bioloxía, xeoloxía e matemáticas; son Carla Acosta, David lago y Rubén lago que integran un equipo chamado “Os raios de Redondela”. “Estamos moi orgullosos de vós, o que conseguistes a nivel autonómico e nacional énchenos de orgullo”, felicitounos o mandatario provincial, pedíndolles que gozasen da experiencia.
Acompañado polo deputado responsable da Área de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, que repartiu uns agasallos entre o alumnado, o presidente da Deputación percorreu o instituto acompañado por membros da dirección do centro, que lle ensinaron as principais estancias do instituto. Na visita Luis López aproveitou para poñer en valor o programa educativo deste instituto no que “as ciencias son moito máis ca unha materia”, confesou estendendo os parabéns a todo o claustro de profesores. “Unha parte do mérito destes alumnos tena tamén o instituto IES Illa de San Simón e o conxunto dos seus profesores. Sodes un exemplo por todo o que facedes pola educación en Galicia”, recoñeceu o presidente provincial.
A clasificación desta e destes tres estudantes para este certame internacional é unha razón máis para reforzar o compromiso do Goberno da Deputación no apoio á xuventude e á formación. Neste sentido, Luis López recordou os programas que o Goberno provincial ten en marcha para potenciar o talento da mocidade, que están incluídos no servizo de nova creación de Xuventude e Reto Demográfico, dotado con 1,2 millóns de euros, que inclúe axudas a centros educativos ou á organización de actividades e eventos xuvenís, así como o programa de bolsas para a realización de prácticas laborais en países da Unión Europea ou os premios provinciais á xuventude que premian con 36.000 euros o talento da poboación máis nova da provincia.
Esta visita ao IES Illa de San Simón serviu tamén para coñecer o grupo de alumnas e alumnos que participa este curso no programa “DepoEmprende”, unha actividade á que a Deputación destina no exercicio do 2024 unha partida de 51.000 euros, así como unha contía adicional de 30.000 euros para contratar un auxiliar administrativo que se encargue da xestión desta iniciativa. No presente curso académico son 24 os centros educativos da provincia que están a participar. As actividades consisten en desenvolver unha idea de negocio que sae ao mercado e cuxas ganancias se destinan a fins benéficos.