Luis López enxalza a cooperación institucional e a formación como claves para responder aos conflitos de interese na esfera local

O presidente da Deputación de Pontevedra inaugurou este martes, xunto co conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro, un obradoiro sobre prevención e resolución deste tipo de situacións na Administración local

28/11/2023

Luis lópez y Juan Carlos Aladro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inaugurou este martes no Edificio Administrativo do organismo provincial un obradoiro sobre a prevención e xestión de conflitos de intereses na Administración local de Galicia; unha actividade dirixida a profesionais e responsables da Administración que organiza a Deputación en colaboración co Consello de Contas de Galicia, cuxo conselleiro maior, Juan Carlos Aladro, participou tamén na súa apertura. “Agradezo a vosa presenza aquí porque amosa o interese que tedes en mellorar a vosa formación e aptitudes profesionais”, dirixiuse o mandatario provincial ás e aos asistentes nun discurso no que tamén loou o labor do conselleiro Aladro. “É unha garantía de profesionalidade, rigor e solvencia alá onde exerza. E creo que o Consello está de parabéns”, sinalou López.

O obradoiro, que se desenvolveu en horario de mañá, estivo impartido por Concepción Campos, doutora en Dereito e codirectora da Rede Localis. A sesión estruturouse en dúas partes; a primeira centrouse na exposición dos principais aspectos regulamentarios que afectan a xestión dos conflitos de intereses nas entidades locais, mentres que a segunda se enfocou en traballar en grupos reducidos na identificación, delimitación e comprensión da figura do conflito de interese, a xestión dos riscos asociados e as claves para a súa detección e resolución.

“A Deputación amosa novamente que é unha ponte fundamental para coordinar as relacións entre institucións, como a Deputación e o Consello de Contas; entre a Administración e os seus empregados para mellorar as súas aptitudes; e entre o conxunto dos funcionarios e a cidadanía para mellorar a resposta ante situacións que afectan a poboación da provincia e de Galicia”, concluíu o presidente provincial.

Galerias de imaxes