Luis López reafirma o compromiso da Deputación de Pontevedra para erradicar a violencia machista: “É unha tarefa de todos”

O presidente provincial participou no acto organizado pola Deputación e pola Xunta para conmemorar o 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que tivo lugar no castelo de Soutomaior

25/11/2023

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou este sábado o compromiso do Goberno provincial na loita pola igualdade real e efectiva e pola erradicación da violencia machista nos actos de conmemoración do 25N que compartiron a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra no castelo de Soutomaior. “Desde a Deputación témolo claro. A erradicación definitiva da violencia machista é unha tarefa de toda a sociedade, que non admite pasos atrás e que nós asumimos plenamente. Para acadar a igualdade real sempre estaremos aí”, afirmou o mandatario provincial no discurso inaugural dun acto que contou coa actuación musical de Carolina Rubirosa.

Coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se encargou de clausurar a xornada, o acto incluíu a proxección dun vídeo sobre o 25N e a organización da mesa redonda “Prevención e visibilización da violencia en contra das mulleres”, na que participaron Marisol Louro, directora do IES Plurilingüe de Ames; María Jesús Pires Juncal, axente da Policía Autonómica; Victoria Cal, médico de familia do centro de saúde de Caldas de Reis; Ana Aldao Corral, directora do CIM da Laracha; e Irene Montero, socia administradora en Octo Comunicación.

No seu discurso, Luis López fixo fincapé na simboloxía do castelo de Soutomaior e na importancia de celebrar neste espazo un acto tan importante coma o do 25N. “Soutomaior foi desde o século XII, aproximadamente, o escenario de todo tipo de batallas. Así, fieis a esa tradición de loitar por unha causa, neste 25 de novembro podemos dicir que este é o mellor lugar para plasmar a que, posiblemente, sexa a batalla social máis importante destas alturas do século: a erradicación da violencia machista e a loita pola igualdade real e efectiva”, proclamou. Neste sentido, avanzou que “Soutomaior xa estaba aquí cando primeiro se conseguiu a igualdade de todos os cidadáns ante a lei, cando, máis tarde, se conseguiu o acceso masivo da muller ao mercado laboral e tamén cando se racharon moitos dos teitos que a limitaban nas últimas décadas. Está tamén hoxe, cando a sociedade está máis concienciada ca nunca para conseguir a igualdade. E estará, seguro, o día de mañá, cando por fin poidamos proclamar que a violencia de xénero é unha realidade extinguida. Se todos camiñamos a unha, ese día chegará antes”.

Unha meta, a da igualdade e a erradicación da violencia, para a que “hai moito feito, pero aínda queda moito por facer”, sinalou e fixo referencia aos 1.400 casos de violencia machista activos na provincia. Unha meta que, indicou, está máis preto de ser alcanzada gracias ao labor de mulleres coma Irene García, axente da Garda Civil e coordinadora do Equipo Muller da Comandancia de Pontevedra, que leu onte o manifesto contra a violencia no Pazo provincial; Tere Abelleira, a campioa do mundo que o vindeiro venres xogará en Pasarón coas súas compañeiras da Selección; ou Marisol Soengas, distinguida igualmente esta semana pola súa contribución na loita contra o cancro. “Elas, xunto con tantas mulleres anónimas, son un anticipo desa sociedade en igualdade que todos queremos”, concluíu o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.