A sostibilidade, a igualdade e o emprendemento, retos do II Concurso de Solucións Empresariais Innovadoras que convoca a Deputación

O prazo de inscrición da nova competición que lanza o programa SmartPeme para deseñar aplicacións informáticas enxeñosas está aberto ata o 18 de novembro

28/10/2022

Carmela Silva

O segundo Concurso de Desenvolvemento de Solucións Innovadoras a Retos do programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra xa está en marcha. Así o comunicou a presidenta provincial, Carmela Silva, quen subliñou que con este reto “pretendemos impulsar a innovación tecnolóxica e o talento en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, coa que temos un convenio para fortalecer todo o que ten  que ver con políticas que permitan unha economía avanzada na nosa provincia”. O obxectivo é favorecer a sostibilidade, a igualdade e o emprendemento.

As persoas participantes, que deberán agruparse en equipos de 3 a 5 persoas, teñen que deseñar solucións innovadoras a través dunha aplicación móbil, web ou outra plataforma tecnolóxica que permitan axudar na promoción da sostibilidade nas empresas e na dinamización do medio rural; contribuír á igualdade nas empresas ou axudar ao impulso do emprendemento. Carmela Silva concluíu que, con accións como esta, a Deputación segue a ser “unha Administración que aposta pola innovación e polas persoas innovadoras”.

Para optar a facerse cun dos dous premios de 2.000 euros para as mellores iniciativas deste concurso é preciso inscribirse no sitio web de SmartPeme antes do 18 de novembro. Neste reto poden participar persoas de todo o Estado que conten con preparación técnica suficiente para o desenvolvemento da idea proposta, no que ademais contarán co apoio do persoal de  SmartPeme para resolver dúbidas. A finais de novembro os equipos deberán presentar as súas propostas ante o xurado. As solucións seleccionadas como finalistas participarán nun evento de clausura que terá lugar o 29 de novembro, no que se darán a coñecer as persoas gañadoras.

O xurado valorará a innovación do modelo de negocio, o impacto que xera na provincia de Pontevedra, a incorporación de elementos innovadores e tecnolóxicos, o feito de ser un proxecto escalable dixitalmente ou a realización de accións sostibles.

Este é o cuarto reto tecnolóxico que a Deputación leva a cabo nos últimos anos. Tal e como recordou Carmela Silva, en 2019 realizouse un hackathon do sector turístico, en 2021 -e tralo parón derivado da pandemia- retomouse a actividade con outro hackathon vinculado á dixitalización das entidades sociais do terceiro sector e a comezos deste 2022 a Deputación levou a cabo a primeira edición deste concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.