A Deputación mantén aberto o prazo para participar nos cursos gratuítos de español para inmigrantes
Os cursos, aos que a institución provincial destina 18.000 euros, celebraranse entre os meses de maio e xuño en Pontevedra, Vigo e, por primeira vez, en Lalín
12/03/2025
A Deputación de Pontevedra mantén aberto o prazo para participar nunha nova edición dos cursos de español para inmigrantes de cara á obtención da nacionalidade española. As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o próximo mércores 19 de marzo e, como novidade, este ano terán a posibilidade de participar por primeira vez en Lalín, ademais das habituais sedes dos cursos en Pontevedra e Vigo. Esta actividade formativa gratuíta conta cun orzamento de 18.000 euros e está enfocada á superación do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar posteriormente a nacionalidade española.
A Deputación promove este ano tres accións formativas de 40 horas de duración que se celebrarán en Pontevedra, Vigo e Lalín. Poderán participar 60 persoas de países non falantes de español, 20 por curso, que se prepararán para a consecución deste título e, así, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. As accións están dirixidas a persoas inmigrantes que saben ler e escribir, que se atopan en situación regular en España, maiores de 16 anos, empadroadas nalgún dos concellos da provincia e con coñecementos básicos da lingua española.
Os cursos comezarán en Vigo do 19 de maio ao 3 de xuño, continuarán en Pontevedra entre o 9 e o 24 de xuño e rematarán en Lalín entre o 9 e 19 de setembro. As tres accións formativas completaranse cunha sesión de catro horas de duración antes do exame DELE A2, previsto para o día 12 de setembro no caso de Vigo e Pontevedra e o 22 de novembro en Lalín, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de última hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, na realización de simulacros de exames e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba.
A Deputación de Pontevedra recibiu na anterior convocatoria 125 solicitudes para participar na formación. Das 60 persoas seleccionadas, 51 presentáronse ao exame e 40 aprobárono. A maioría delas procedían do Brasil (27), seguido de Marrocos (17) e Ucraína (6), se ben tamén houbo participantes do Senegal, Nixeria, os Estados Unidos, Ghana, Malí, Serra Leona e Siria.