A Deputación achega 150.000 € para aos festivais audiovisuais da marca Rías Baixas Film Fest
As axudas chegan ao Play-Doc de Tui; Cans no Porriño; Primaveira do Cine, Galician Freaky Film Festival e Festival de Cine Inclusivo en Vigo; o Fic Bueu; o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía e Novos Cinemas de Pontevedra
20/05/2023
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións para o desenvolvemento dos oito festivais audiovisuais da marca provincial Rías Baixas Film Fest que se desenvolven entre abril e decembro nos concellos de Tui, O Porriño, Vigo, Bueu, Pontevedra e Vilagarcía. Trátanse de 150.000 euros en total que, como informou en rolda de prensa a presidenta Carmela Silva, distribúense “con criterios e bases obxectivas”.
As achegas chegarán ao Play-Doc de Tui (que se celebrou xa entre o 26 de abril e o 1 de maio), que recibe 28.891€; para o Festival de Cans no Porriño, que está a desenvolver a súa vixésima edición e que conta cunha axuda de 26.118€; o Primavera do Cine en Vigo (que terá lugar do 5-10 setembro), que se beneficiará de 7.149€; o Fic Bueu (9-23 setembro), que recibirá 26.118€; o Galician Freaky Film Festival de Vigo (22 e 23 e do 27- 30 setembro), que contará con 10.068€; o Festival de Cine Inclusivo de Vigo (17-22 outubro), que terá 10.214€; o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (27 outubro-5 novembro), que recibirá 18.968€ e o Novos Cinemas de Pontevedra (12-17 decembro), que contará con 22.470€.
A marca dos Rías Baixas Film Fest da Deputación crea unha identidade corporativa única e imaxe propia e distintiva para estes eventos que se celebran na provincia. Tamén se trata dunha garantía de calidade na organización e contidos dos festivais e da posta en valor de aspectos como a accesibilidade cultural, a igualdade, a proximidade, o uso da lingua galega e compromiso cos obxectivos marcados na Axenda 2030. Ademais, a Deputación está a darlle visibilidade a Rías Baixas Film Fest en feiras/eventos culturais e turísticos autonómicos e nacionais e a traballar para aproveitar os fluxos de público entre festivais.