A Deputación leva este sábado a Pontecesures o circuíto +Escénicas con “Urxente chamamento ó trouleo”, da Maga Fani e Martín Camiña
O espectáculo de teatro familiar poderá verse de balde ás 21:00 horas no centro social
19/12/2024
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 21 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Pontecesures co espectáculo de teatro “Urxente chamamento ó trouleo”, da Maga Fani e Martín Camiña. A función comezará ás 21:00 horas no centro social da vila, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.
“Urxente chamamento ó trouleo” é un espectáculo familiar no que se mesturan unha creación máxica de humor coa participación da concorrencia, uns feixes de ilusións, distraccións e tamén ficticios rebumbios. Trátase dunha enleada de enredos para amosarnos que os actos extraordinarios poden acaecer en calquera lugar, cun carácter fantasioso e tamén un punto irreverente.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.