A Deputación leva o circuíto +Escénicas ata A Lama coa obra teatral “Máis Saaabor!” de Culturactiva Producións

A peza, para todos os públicos, poderá verse no Salón de Actos do CEIP A Lama o próximo venres 18 de outubro ás 11:00 horas

15/10/2024

A Deputación de Pontevedra leva o circuíto +Escénicas ata A Lama coa obra teatral “Máis Saaabor!” a cargo da compañía Culturactiva Producións. A peza, para todos os públicos, poderá verse no Salón de Actos do CEIP A Lama o próximo venres 18 de outubro ás 11:00 horas. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

Culturactiva Producións é unha compañía e produtora cuxas señas de identidade son o humor e a versatilidade. Na Lama presentan o espectáculo “Máis Saaabor!”, unha proposta cómica, para público infantil e familiar, de creación propia en torno ao mundo da gastronomía e a alimentación saudable. A peza mestura música en directo, maxia, humor, moito ritmo e a participación do público.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro do programa a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.