O director de Sitges, Ángel Sala, no encontro Luso Galaico de Festivais Audiovisuais que se celebrará esta fin de semana no Pazo provincial
Sala súmase á vintena de representantes dos Rías Baixas Film Fest e dos festivais portugueses que participarán no simposio o venres 17 e o sábado 18 de xuño
14/06/2022
O director do Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges desde hai 21 anos, Ángel Sala, participará esta fin de semana no I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais promovido pola Deputación de Pontevedra e a coordinadora Proxecta, que reunirá no Pazo Provincial aos e ás representantes dos Rías Baixas Film Fest e dos principais eventos audiovisuais doutro lado do Miño. A cita arranca este venres 17 desde as 10.15 horas e prolongarase ata o sábado 18, en que Sala pronunciará ás 12 horas a charla de clausura “Expediente Sitges” sobre a experiencia deste evento cultural que suma máis de medio século de vida. As persoas interesadas en asistir poden formalizar a súa inscrición a través do formulario habilitado en www.depo.gal.
Sala (Barcelona, 1964) é escritor, guionista e crítico de cine e desde 2001 director de Sitges, o primeiro festival de cine fantástico do mundo e a manifestación cultural de maior impacto en Cataluña. Este evento supón un estimulante universo de encontro, exhibición, presentación e proxección de cine fantástico de todos os continentes. O director do festival é licenciado en Dereito e ten escrito varios libros, todos eles de cine e entre os que figura Tiburón ¡Vas a necesitar un barco más grande! El filme que cambió Hollywood, que parte da pegada que lle deixou ver este filme en 1975.
Previamente á intervención e ao coloquio protagonizado por Ángel Sala, que estarán conducidos por Luis M. Rosales, director do Curtas de Vilagarcía, o I Encontro Luso-Galaico ofrecerá cinco mesas de debate nas que participarán 23 representantes dos principais eventos audiovisuais de ambas beiras do Miño, co obxectivo de crear sinerxías que permitan transcender os límites fronteirizos e posibiliten unha maior interacción entre os festivais. Deste xeito, na cita participan os eventos que integran os Rías Baixas Film Fest e que forman parte de Proxecta, mentres que de Portugal daranse cita representantes da Asociación ao Norte, da Agência da Curta Metragem, da ESMAD (Escola Superior de Media Artes e Design de Porto), de Porto/Pos/Doc Film &Media Festival, do Festival Curtas Vila do Conde e do CINANIMA (Festival Internacional de Cinema de Animação de Espinho).
O encontro arrancará este venres 17 de xuño con tres mesas de debate. A primeira delas, trala apertura por parte de Carmela Silva e Manuel Pena (da directiva de Proxecta), centrarase nas “Administracións e o desenvolvemento dos festivais” coa participación de María del Carmen Ribeiro, técnica de Cultura do Porriño; Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación e Daniel Maciel, director executivo da Asociación ao Norte, moderados por Gonzalo E. Veloso, director de Intersección Festival de Arte Audiovisual Contemporánea.
A continuación, ás 12.30 horas, a presidenta Carmela Silva; a subdirectora do Galician Freaky Film Fest, Miriam Álvarez; o director do FICBueu, Manuel Pena e a codirectora do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, Teresa Barberena, falarán sobre “Unha terra de cinema. Os Rías Baixas Film Fest”, nunha mesa moderada pola xornalista Belén López. Xa pola tarde, ás 17 horas, terá lugar unha nova mesa sobre os “Festivais de Cinema. Axentes implicados” onde participarán Miguel Días, director da Agência da Curta Metragem; Paulino Pérez, vicedecano de Promoción e Comunicación da Facultade de Cíencias Sociais da UVigo; José Quinta Ferreira, profesor de Produción Audiovisual da ESMAD (Escola Superior de Media Artes e Design) de Porto e Noemí Chantada, vicepresidenta de CREA (Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia). Estará moderada pola responsable de produción do FICBueu, María Ruiz-Falcó.
O sábado 18 de xuño, antes da charla de Ángel Sala ás 12, terá lugar ás 10.30 horas o encontro “A diversidade editorial”, moderado por Severiano Casalderrey, subdirector do FICBueu e no que participarán Darío Oliveira, director do Porto/Pos/DocFilm & Media Festival; Nuno Rodrigues, director do Curtas Vila do Conde; Alfonso Pato, director do Festival de Cans; Johnny Marques, coordinador da Comisión Artística e de Programación de CINANIMA (Festival Internacional de Cinema de Animação de Espinho) e Ana Gondad, directora de programación do Festival Primavera do Cine en Vigo.
Amais, durante o Encontro terá lugar a acción escénica “Unha muller cunha cámara” na que a partir das 19 horas do venres 17 Mercé de Rande e Juanma Lodo fusionarán cinema e danza para conseguir diferentes perspectivas da cámara grazas á exploración do movemento, creando unha óptica singular e insólita, dialogando ao unísono e integrando ao público que, dun xeito interactivo, poderá ser parte da película proxectada.