Maiores da residencia de Campolongo dialogan coa arte grazas á exposición itinerante do Museo de Pontevedra polo Día dos Museos

Medio cento de persoas participaron na actividade ‘SanArte’, conversaron sobre benestar e contrastaron as súas propias vivencias de traballo e lecer cos contidos das obras de arte

18/05/2023

Dia dos Museo. Residencia de maiores de Campolongo

O Museo de Pontevedra celebrou o 18 de maio, Día Internacional dos Museos, levando a arte a persoas que teñen dificultade para achegarse ao Museo. As reproducións de dez pinturas galegas da primeira metade do século XX que forman parte da exposición permanente do Edificio Castelao chegaron á Residencia da Terceira Idade de Campolongo, onde arredor de medio cento de persoas usuarias do se achegaron a estas creacións artísticas e foron convidadas a interpretar e intercambiar opinións arredor das pezas.

A actividade SanArte estivo dirixida pola consultora e formadora en Interpretación do Patrimonio, Isabel Fernández Domínguez. Algunhas das obras presentes na escolma deron pé a que as persoas maiores lembrasen traballos que realizaban na súa mocidade, como ‘Lavandeiras de Pontevedra’ (1904), de Eliseo Meifrén, ou ‘Recollendo algas’ (1903), de Serafín Avendaño. Pero tamén serviron para traer ao presente momentos de lecer, como o representado por Fernando Álvarez de Sotomayor en ‘Festa galega’ (1917).

Xunto a estas, na escolma figuran paisaxes como ‘Valdoviño’ de Imeldo Corral e ‘Pontevedra. Santa María desde a Caeira’ (1929), de Carlos Sobrino Buhigas, ou escenas costumistas como as recollidas en ‘Estampa (mercado)’ (1927) de Carlos Maside e ‘O Pegureiro durmido’ (1941), de Manuel López Garabal, que serviron de punto de partida para conversas arredor da biodiversidade como fonte de saúde,  das boas prácticas para un futuro máis sostible e de como evolucionou a través do tempo a relación do ser humano co seu entorno. As persoas participantes amosaron a súa satisfacción coa actividade e algunhas incluso se atreveron a mostrar as súas propias creacións como afeccionadas á pintura.

Agora as reproducións permanecerán durante tres semanas na Residencia da Terceira Idade de Campolongo. A intención do equipo de Educación do Museo é que posteriormente a exposición itinerante de reproducións chegue a outros espazos onde se atopan persoas maiores en risco de illamento social.

Segue a programación do Día dos Museos

A programación do Día Internacional dos Museos continúa hoxe co concerto de Davide Salvado ás 21 horas na igrexa do Convento de Santa Clara, onde presenta o espectáculo ‘Permita Deus’. Estará acompañado de Cibrán Seixo ao violín e Antonio Casado á guitarra eléctrica, nun concerto “con fondo de acto espiritual”.

Xa mañá venres ás 18 h terá lugar unha visita guiada na que o  equipo de Educación do Museo propón unha nova mirada sobre a colección permanente, para amosar como se reflicten as preocupacións pola sustentabilidade e como contribúen ao benestar da sociedade.

E o sábado 20 de maio ás 12:30 h no Edificio Castelao, o público familiar a partir de 3 anos, poderá gozar dun espectáculo no que se mesturan narración oral, teatro de obxectos, monicreques e clown. ‘O peirao’ é un espectáculo de Diáspora Teatro con contos sobre como coidarnos coidando da natureza.

Por outra banda, hoxe e mañá está a desenvolverse no Museo o I Encontro de Arqueoloxía, no que máis dun cento de profesionais e investigadores do ámbito poñen sobre a mesa as últimas investigacións e debaten arredor das ‘Arquitecturas efémeras da prehistoria recente no Noroeste ibérico’.

Galerias de imaxes