A Deputación concede máis de 6.000 € para restaurar o Muíño Entre Ríos e crear un espazo sobre patrimonio marítimo fluvial na Casa do Patrón en Lalín

A liña de axudas para a recuperación do Patrimonio Marítimo Fluvial chega por primeira vez dende a súa creación no 2020 a entidades da zona do Deza

31/08/2022

MICROESPAZO MUSEO CODESEDA

Dúas asociacións da comarca do Deza van recibir este 2022 unha inxección económica de máis de 6.000 euros para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial do país. Trátase dos colectivos Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón de Codeseda e a Asociación Etnográfica de Codeseda, ambos de Lalín, que foron incluídos entre as 21 entidades beneficiarias da liña de axudas para a Recuperación e posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial impulsada pola deputada de Patrimonio María Ortega.

A deputada nacionalista manifestou a súa satisfacción porque este ano por primeira vez concedéronse fondos para proxectos de musealización e outras actuacións relacionados co interior da provincia e non só vencelladas á recuperación do patrimonio e embarcacións costeiras.  Salientou que as propostas recuperación de muíños fluviais e iniciativas de musealización servirá de “acicate” para outras entidades nas vindeiras edicións.

Ortega subliñou o crecente interese nas axudas e destacou  que no 2020 –ano no que se puxeron en marcha- chegaron  a 14 colectivos e repartiron algo máis de 100.000 euros, mentres que en 2021 chegaron a 16 asociación e repartiron uns 128.000 euros. Ortega salientou que a participación de entidades do interior da provincia propoñendo No total da provincia a liña de axudas para a recuperación e posta en valora do Patrimonio Marítimo Fluvial deu financiamento a colectivos, principalmente localizados no Salnés (9), pero tamén en Pontevedra (2), Baixo Miño (1), Morrazo (2) e Vigo (5).

No caso da Asociación de Amigos do Museo Etnográfico ‘A Casa do Patrón’ de Codeseda, a axuda ascende a 4.755,30 euros, e destinarase á restauración do muíño de regueiro de ‘Entre Ríos’. Trátase dun antigo muíño de regueiro de cubo soterrado, propiedade de 16 herdeiros, unha verdadeira xoia cuns 200 anos de antigüidade na ribeira do río Asneiro, afluente do Deza.

Debido a ter caído en desuso por parte da veciñanza e as fortes e frecuentes enchentes do río neste tramo, leva varios anos sen funcionar, correndo ademais un serio perigo de derrube inminente por ter moi rachadas e con varias fendas nas súas paredes laterais e traseira, que xa apenas mantén a súa verticalidade, polo que precisa dunha urxente restauración na estrutura das paredes. Precisa tamén a retirada, substitución e colocación do “pechadoiro”, coa súa correspondente “vara”, conxunto utilizado para abrir, graduar e pechar a entrada da auga ao rodicio, totalmente roto, oxidado e inservible, ademais da recolocación do rodicio na “mesa”, situada no chan do "inferno" do muíño.

Con esta actuación a subvencionar, o muíño quedará listo, en perfecto funcionamento e musealizado, contando ademais coa seguridade necesaria para a súa difusión social e cultural: para ser visitado polas 15 000 persoas que se achegan á Casa do Patrón anualmente, e sobre todo para demostracións aos máis de 4.000 crianzas de colexios galegos, que executan múltiples obradoiros no Museo cada ano, entre eles a recreación histórica da moenda tradicional, moi demandada polo profesorado, sendo das máis atractivas para o alumnado.

Espazo sobre patrimonio marítimo fluvial na ‘Casa do Patrón’

Por outra banda, a Asociación Etnográfica de Codeseda vén de recibir unha axuda de 1.432,64 euros para poñer en marcha un proxecto para restaurar e consolidar os principais aparellos etnográficos utilizados tradicionalmente na pesca marítimo-fluvial en Galicia, tanto existentes en almacén, como de nova incorporación ao Museo ‘Casa do Patrón’. Tamén se pretende realizar a montaxe dunha nova sala monotemática de exposición permanente, creando un espazo a tal fin nas instalacións actuais.

Nese microespazo do Museo falarase da ‘Pesca marítima’, dispoñéndose ‘in situ’  unha gamela (unha das embarcacións máis utilizadas na pesca de baixura en Galicia, xunto coa dorna), remos, áncoras, poutada, raño, nasas para nécoras e polbiños, redes, anzois, agullas.... Tamén haberá un apartado de ‘ Pesca fluvial’, cun voitirón, cestas de pescar as troitas, miñoqueiros, canas de pescar, cestos de troiteiro, así como outros elementos (pauferro, compás, faros de acetileno, ferro, cravos galvanizados e mazo de calafate, manela de estopa, rolo de fío de algodón para calafatear embarcacións), que se completarán cunha colección de nós mariñeiros, varias maquetas de embarcacións galegas e unha mostra cos ‘Faros de Galicia’. Todo isto estará sinalizado con paneis informativos e explicativos para facilitar a súa difusión sociocultural entre as visitas guiadas ao Museo.

O obxectivo deste espazo, segundo a asociación, é “crear unha fermosa exposición de homenaxe e posta en valor dos preto de 1500 quilómetros do accidentado litoral galego (...). Tamén a todos e cada un dos mil ríos e regatos cos que conta a terra galega, (...) pero sobre todo, esta posta en valor constitúe a nosa humilde homenaxe as ducias de miles de mariñeiros galegos, que exercen con orgullo unha das profesións máis antigas, representativas, sacrificadas e arriscadas da nosa terra e aos millóns de galegos que pasaron a súa vida sucando os mares de todo o mundo ao longo da historia, facendo del o seu fogar e, demasiadas veces, tamén o seu cadaleito, que teñen ben merecido estar dignamente representados nun museo do corazón da Galicia interior, como é a Casa do Patrón”.

Musealización e promoción sociocultural

Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que fosen de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…), sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización, encaixados na Liña 1 das subvencións.

Outras das actuacións subvencionadas (Liña 2) son as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural.

Tamén se fomentan axudas (Liña 3) para intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais.