Carmela Silva pon en valor a “exitosa participación” da Pontevedra Provincia Film Commission no Festival de Cine de Málaga

Participou no MAFIZ, a área industrial paralela ao Festival, e mantivo encontros con  produtoras estatais e internacionais para promover a provincia como territorio de rodaxes

18/03/2023

Carmela Silva Festival Málaga

“Exitosa participación” da Pontevedra Provincia Film Commission no Festival de Cine de Málaga. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo en valor a asistencia por vez primeira da institución provincial a este evento, no que tivo presenza no MAFIZ, a área industrial paralela ao festival, xunto con outras 22 entidades da rede Spain Film Commission. Tamén mantivo encontros con produtoras estatais e internacionais e con directores e produtores de cinema, dando a coñecer a provincia como plató de cinema, os diferentes servizos de aloxamentos, comunicacións e instalacións, e o potente audiovisual da provincia como complemento ás localizacións e ampla oferta de servizos no territorio.

Durante o Festival de Málaga a Pontevedra Provincia Film Commission mantivo xuntanzas con sete produtoras con sedes en Los Ángeles,  Londres, Lisboa, Madrid, Barcelona, Andorra, Sevilla, Málaga, Almería ou Huelva. Trátanse de Arlong Productions, The Tulips Productions, Yolaperdono Productora, 16 Escalones Productora, Omen Cinema, IberFilms Partners e Mordisco Films. Xunto a elas, a entidade tamén se reuniu con produtores e directores como David Gaspar, que pretende rodar nas Rías Baixas, ou Ezequiel Montes que, acompañado do actor arxentino Michel Noher, buscaba escenarios para unha serie que agora mesmo ten en preproducción.

Ademais, a Deputación completou a presenza no festival de Málaga asistindo a mesas redondas, no seo dos seus intereses estratéxicos, organizadas por CIMA, DAMA ou Netflix, e a unha formación sobre incentivos fiscais e sostibilidade, organizada pola Spain Film Commission, na que se analizaron as oportunidades de posicionar ao país como destino de rodaxes e a importancia do compromiso coa sostibilidade da industria audiovisual.

A Deputación de Pontevedra arrancou o 2023 con “moita forza”, coa presenza da Pontevedra Provincia Film Commission en xaneiro en FITUR, cun stand propio en Fitur Screen e a presentación do destino ante produtoras internacionais e estatais. Tamén alí deu a coñecer a páxina web da Film Commission, na que as persoas interesadas teñen a súa disposición todos os recursos para facilitar o traballo ao sector audiovisual. Un mes despois organizou o segundo fam trip coas produtoras nacionais e internacionais máis potentes do momento, dando a coñecer a provincia e os seus espazos como localizacións para rodaxes. Todo elo tras culminar un 2022 con presenza no Shooting Locations Marketplace de Valladolid e impulsado diferentes iniciativas como o Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais ou, da man da Spain Film Commission, un foro sobre o plan estatal “España Hub Audiovisual”. Ademais a institución provincial está a apostar firmemente por dar visibilidade ao audiovisual liderado por mulleres con iniciativas como os premios “Mulleres no Foco” en colaboración con CIMA, ou proxectos como “Conecta Lab”, cuxo broche final será a residencia artística entre o 11 e o 20 de abril na Illa de San Simón.

A creación da Pontevedra Provincia Film Commission como servizo público gratuíto da Deputación ten por obxectivo principal promover a provincia como destino de proxectos audiovisuais e cinematográficos, así como incrementar o seu posicionamento de marca a nivel nacional e internacional. Entre as súas funcións destacan a asistencia e asesoramento na procura de localizacións; a colaboración e intermediación no desenvolvemento das rodaxes; a creación dunha estrutura local para facilitar o traballo; a orientación, información e apoio nas xestións e tramitacións de permisos/autorizacións; o soporte ao sector audiovisual local; o apoio promocional; a participación nas accións nacionais/internacionais da Spain Film Commission; e a promoción da cultura audiovisual para situar estratexicamente á provincia como destino cinematográfico.

Galerias de imaxes