A Pontevedra Provincia Film Commission e a Vigo Film Office da man nun famtrip con produtoras estatais e internacionais que percorrerán a provincia

Ata o luns visitarán Baiona, Bueu, A Guarda, Oia, Pontevedra, Tui e Vigo para coñecer espazos relacionados co patrimonio  cultural e natural, portos, illas, praias e conxuntos históricos para futuras producións audiovisuais

23/02/2023

Representantes dalgunhas das principais produtoras estatais e internacionais que traballaron para series e películas como “La casa de papel”, “The Crown”, “Cuéntame como pasó”, “Vampire Academy”, “Días mejores”, “Criminal”, “Piedad”, “El Cuarto Pasajero” ou “Perfectos Desconocidos” e para spots publicitarios de marcas internacionais, percorrerán a provincia desde este xoves 23 de febreiro e ata o vindeiro luns, no marco dun fam trip impulsado pola Pontevedra Provincia Film Commission e a Vigo Film Office. Visitarán Baiona, Bueu, A Guarda, Oia, Pontevedra, Tui e Vigo para coñecer espazos relacionados co patrimonio cultural e natural, portos, illas, praias e conxuntos históricos para posibles localizacións de grandes producións audiovisuais.

O grupo de localizadoras e produtoras comezará o seu percorrido por diferentes zonas da xeografía provincial este domingo 26 de febreiro, tras coñecer a cidade de Vigo entre este xoves e o sábado. O domingo percorrerán a vila de Baiona, onde realizarán unha visita panorámica para partir, a continuación, cara Oia parando nas ruínas do cuartel militar de Cabo Silleiro. En Oia visitarán o seu mosteiro e diferentes puntos da xeografía do municipio. Posteriormente achegaranse ata A Guarda onde, entre outras localizacións, percorrerán o estuario do río Miño, o Castro de Santa Tegra e Camposancos antes de partir cara Tui e descubrir as particularidades desta cidade fronteiriza.

O luns 27 de febreiro comezarán a xornada visitando o porto pesqueiro de Bueu e realizando un paseo en barco para coñecer a costa sur da Ría de Pontevedra, a zona de Aldán, pequenas calas, praias e as siluetas das Illas Ons e Cíes. Tamén se achegarán ata a cidade de  Pontevedra onde terán a oportunidade de descubrir o seu casco histórico, o Museo provincial, o Pazo da Deputación, o Palacete das Mendoza e o convento de Santa Clara.

Esta viaxe de familiarización non é a primeira na que participa a Deputación a través da Pontevedra Provincia Film Commission no marco do seu obxectivo de captar producións de formatos audiovisuais. Así, a finais do 2022 un grupo de localizadoras internacionais estivo xa percorrendo a provincia, amosando o seu interese en espazos costeiros, illas, cantís a carón do mar, así como contornas patrimoniais relacionadas con localizacións históricas e pobos e pequenos núcleos rurais.

Festival de Cine de Málaga

A Deputación de Pontevedra ten pechada xa unha completa axenda durante este primeiro trimestre de ano para reforzar a Pontevedra Provincia Film Commission e a captación de rodaxes audiovisuais. A axenda da entidade comezou en xaneiro en Madrid, cun stand propio en Fitur Screen e a presentación do destino ante produtoras internacionais e estatais durante a feira. Tralo fam trip desta fin de semana, en marzo unha delegación da Pontevedra Provincia Film Commission desprazarase ao Festival de Cine de Málaga. Alí, do 14 ao 16 de marzo, terá un lugar privilexiado na súa sesión profesional onde reforzará o traballo en rede no seo da Spain Film Commission e posicionará o destino Pontevedra Provincia como territorio ideal para producións audiovisuais tanto polos recursos das localizacións como polos servizos de aloxamento, comunicacións e instalacións que a provincia ofrece. Tamén divulgará “o potente” sector audiovisual da provincia, que vén de colleitar premios nos Goya e na Berlinale, como complemento ás localizacións e ampla oferta de servizos da provincia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.