Luis López anuncia a posta en marcha da segunda edición de Culturea, dotado cun millón de euros para solicitar actuacións de ata 1.300 artistas e espallar a cultura por toda a provincia

O programa atenderá as demandas de asociacións de veciños ou comisións de festas da provincia que poderán solicitar actuacións de grupos de música, teatro ou danza para os seus festexos

13/12/2024

Rolda de prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra deu luz verde hoxe ás bases da edición de 2025 do programa Culturea, para que asociacións e agrupacións sen ánimo de lucro e entidades locais menores poidan solicitar actuacións de grupos e artistas da provincia. “Queremos apoiar ás entidades sociais e contribuír a que a cultura chegue a todos os recunchos da provincia”, asegurou o presidente provincial, Luis López, quen lembrou que a través deste programa celebráronse máis de 3.500 actuacións ao longo de 2024.

Máis polo miúdo, as beneficiarias do programa son entidades locais menores, asociacións ou agrupacións sen ánimo de lucro como asociacións de veciños ou comisións de festas da provincia, que poderán solicitar actuacións para os seus festexos. En concreto, terán á súa disposición o catálogo Culturea, dispoñible en www.depo.gal/culturea, que reúne arredor de 1.300 artistas e grupos de diferentes disciplinas. O catálogo inclúe dende grupos de animación infantil, ata de espectáculos audiovisuais, de baile moderno, ballet, bandas de gaitas, bandas de jazz, bandas de música, cantautores, charangas, grupos de gaitas, grupos de playback, grupos folclóricos e folk, grupos músico vocais, grupos pop rock, humoristas, corais, artistas de maxia, música clásica, orquestras clásicas, pandereiteiras, poetas, rondallas ou compañías de teatro.

Cada unha das entidades poderán solicitar unha actuación dun dos grupos dispoñibles, que deben estar dirixidas ao público xeral e ser con entrada libre. A Deputación retribuirá aos grupos con importes que van dos 200 aos 800 euros, segundo a categoría á que pertenzan, e a entidade deberá facerse cargo do resto do caché.

Ligazóns de interese

videos

audios