A Deputación abre estes mércores o prazo para solicitar actuacións ao abeiro de Culturea 2025, dotado cun millón de euros para espallar a cultura por toda a provincia
O programa atenderá as demandas de asociacións de veciños ou comisións de festas da provincia que poderán solicitar actuacións de ata 1.300 artistas e grupos de música, teatro ou danza para os seus festexos
17/12/2024
A Deputación de Pontevedra abre este mércores, 18 de decembro, o prazo para que asociacións e agrupacións sen ánimo de lucro e entidades locais menores poidan solicitar actuacións de grupos e artistas da provincia ao abeiro de +Culturea. Dotado dun millón de euros, este programa busca espallar e manter viva a cultura popular e as tradicións en todo o territorio da provincia e, a través del celebráronse máis de 3.500 actuacións ao longo de 2024.
As beneficiarias do programa son entidades locais menores, asociacións ou agrupacións sen ánimo de lucro como asociacións de veciños ou comisións de festas da provincia, que poderán solicitar actuacións para os seus festexos entre as propostas incluídas no catálogo Culturea, que reúne arredor de 1.300 artistas e grupos de diferentes disciplinas. O catálogo inclúe dende grupos de animación infantil, ata de espectáculos audiovisuais, de baile moderno, ballet, bandas de gaitas, bandas de jazz, bandas de música, cantautores, charangas, grupos de gaitas, grupos de playback, grupos folclóricos e folk, grupos músico vocais, grupos pop rock, humoristas, corais, artistas de maxia, música clásica, orquestras clásicas, pandereiteiras, poetas, rondallas ou compañías de teatro.
Cada unha das entidades poderán solicitar unha actuación dun dos grupos dispoñibles, que deben estar dirixidas ao público xeral e ser con entrada libre. A Deputación retribuirá aos grupos con importes que van dos 200 aos 800 euros, segundo a categoría á que pertenzan, e a entidade deberá facerse cargo do resto do caché. As solicitudes, para as que abre o prazo mañá, 18 de decembro, deben presentarse cunha antelación mínima de 15 días con respecto á data de realización da actuación. Nas bases do programa Culturea poden consultarse todos os detalles e procedementos.