Facer xurdir os nesgos androcéntricos, etnocéntricos e de clase, clave para pensar os museos desde o feminismo
As investigadoras universitarias Lourdes Méndez, Lourdes Prado, Concha Lomba e Fátima Braña abordaron no Museo de Pontevedra como loitar contra a reprodución de estereotipos nas institucións museísticas
31/03/2023
O Museo de Pontevedra organizou este xoves 30 de marzo, en colaboración coa Universidade de Vigo, o seminario ‘Museos, feminismos, canon’. As catedráticas Lourdes Méndez Pérez, da Universidad del País Vasco, Lourdes Prados Torreira, da Universidad Autónoma de Madrid, e Concha Lomba Serrano, da Universidad de Zaragoza, expuxeron os seus puntos de vista de como deben mudar o discurso e os espazos dos museos para convertérense en institucións inclusivas e igualitarias.
A catedrática da Antropoloxía da Arte Lourdes Méndez Pérez expuxo na súa conferencia ‘Museos, museos, museos desde o feminismo’ como os museos asumen un sistema de clasificación e xerarquización que non é neutro. “Para pensar os museos desde o feminismo hai que facer xurdir os seus nesgos etnocéntricos, androcéntricos e de clase. Gustaríame que os museos revisasen criticamente eses sistemas e deseñasen unha auténtica política cultural feminista”.
Para Lourdes Méndez, esa revisión é imprescindible para alcanzar o obxectivo que se expuxo a nivel internacional a finais da década de 1960: democratizar a arte e a cultura. E é moi crítica con como na actualidade as institucións abordan o feminino como unha cuestión máis ben cosmética, con accións que se quedan no anecdótico e non apostan por un cambio de paradigma: “O mullerismo está triunfando, estamos lonxe dunha auténtica política cultural feminista”.
A catedrática de Arqueoloxía Lourdes Prados Torreira ofreceu unha reflexión desde a arqueoloxía feminista para lanzar “Unha mirada crítica aos museos arqueolóxicos”. O nesgo androcéntrico da investigación reflíctese nos museos que, maioritariamente, invisibilizan as mulleres. Prados Torreira explicou como desde grupos como a rede Past Women traballan para que, á luz das investigacións científicas, o discurso dos museos represente as mulleres como individuos activos na construción cultural do pasado: “Non se trata de idealizar o pasado, senón de dar visibilidade as mulleres naqueles ámbitos nos que deixaron unha pegada arqueolóxica evidente e tamén propoñer interrogantes: quen realizou as pinturas rupestres? Non o sabemos. E entón, por que se deu por suposto durante anos e anos que foron homes?”.
Prados Torreira situou como elementos clave que os museos poñan o foco en labores fundamentais na evolución da sociedade e que están moi pouco presentes nos discursos, como son as actividades de mantemento, os coidados e as actividades grupais, nas que o papel das mulleres é fundamental. E tamén que as representacións da Prehistoria non exclúa a diversidade social.
A terceira conferencia, titulada ‘As artistas nos relatos museográficos’, pronunciouna Concha Lomba Serrano, catedrática de Historia da Arte. Lomba fixo un repaso dos principais proxectos de investigación e expositivos para descubrir e introducir as mulleres artistas no discurso dos museos, chegando ata os proxectos actuais.
Concha Lomba enumerou os retos pendentes para abordar convenientemente a presenza das artistas nos relatos museográficos: “a celebración de encontros e foros de reflexión; o desenvolvemento de proxectos de investigación; aumentar as artistas incluídas nas coleccións permanentes; a adquisición para o patrimonio español de obras de autoría feminina; recoñecer as tarefas realizadas polas mulleres no mundo da arte e empregar en todo caso a perspectiva de xénero”.
A xornada pechouse cunha mesa de debate na que participaron as tres conferenciantes e que moderou Fátima Braña, profesora de Antropoloxía da Universidade de Vigo.