Expertas en antropoloxía, arqueoloxía e historia da arte debaterán este xoves sobre como repensar os Museos desde o feminismo

O Museo de Pontevedra organiza o seminario ‘Museos, feminismos, canon’, no que se abordará como ampliar a representación das mulleres e como loitar coa reprodución de estereotipos de xénero, clase e raza.

29/03/2023

‘La pintura es cosa mental’ (2003). María Victoria de la Fuente

O Museo de Pontevedra organiza este xoves 30 de marzo, en colaboración coa Universidade de Vigo, o seminario ‘Museos, feminismos, canon’. Das 16 ás 20.30 horas no Edificio Castelao celebraranse tres conferencias e unha mesa de debate para achegarse aos museos desde unha perspectiva feminista. O acceso será libre, pero as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse ata este mércores 29 escribindo a reservas.museo@depo.gal.

O seminario pretende suscitar un debate sobre os museos como institucións, que se representa neles e que se exclúe, estudando como se perpetuou o discurso hexemónico.  As conferencias previstas exporán como aplicar unha perspectiva feminista á concepción dos museos e como desenvolver historias e formas de relación participativas e inclusivas, baseadas no diálogo e no intercambio. Falarase no seminario sobre como ampliar a representación das mulleres e abordar os prexuízos e a reprodución dos estereotipos de xénero, clase e raza que persisten na sociedade, na historiografía e na arqueoloxía.

Lourdes Méndez Pérez, catedrática de Antropoloxía da Arte da Universidad del País Vasco, pronunciará a conferencia ‘Museos, museos, museos desde o feminismo’. Méndez parte de que independentemente do seu ámbito, todo museo fai seu un sistema clasificatorio a partir do que organiza obxectos, técnicas e produtores. Para pensar esta institución desde o feminismo é necesario darlle visibilidade aos nesgos dese sistema e reflexionar sobre como transformar a narrativa histórica excluínte e democratizar a arte e a cultura.

A intervención de Lourdes Prados Torreira, catedrática de Arqueoloxía da Universidad Autónoma de Madrid, xirará sobre ‘Pensar os museos arqueolóxicos desde unha perspectiva feminista’. Na súa conferencia avogará por lanzar unha nova mirada ao rexistro arqueolóxico, partindo de investigacións científicas rigorosas. Exporá cales son os comportamentos dos museos arqueolóxicos á hora de incluír ou non a perspectiva de xénero nas súas institucións, que debilidades e fortalezas observa e que pautas axudarían a conseguir uns museos máis igualitarios.

A terceira conferencia, titulada ‘As artistas nos relatos museográficos’, vaina pronunciar Concha Lomba Serrano, catedrática de Historia da Arte pola Universidad de Zaragoza. Lomba partirá de que os museos tamén teñen xénero, e sempre foi masculino. Defenderá que os museos omitiron os seus discursos museográficos ás creadoras, pertenzan a unha ou outra época, a un ou outro país ou  a unha ou outra poética.

A xornada pecharase cunha mesa de debate na que participarán as tres conferenciantes e que moderará Fátima Braña, profesora de Antropoloxía da Universidade de Vigo.

O programa do seminario responde ao interese do Museo de Pontevedra por formular unha idea de museo inclusivo e igualitario que incorpore transversalmente o feminismo, tanto nos discursos como nos espazos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.