Rafa Domínguez adianta que a Deputación aprobará este venres o convenio co Concello de Pontevedra para investir preto de 1,3 millóns de euros nas obras de conexión entre a Avenida de Marín e a Rúa Rosalía de Castro

O vicepresidente provincial remarca que “esta esperada actuación” será financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra e que as obras deberán estar rematadas antes do 31 de decembro de 2026

11/11/2024

Rafa Domínguez

Rafa Domínguez acaba de adiantar que a Deputación aprobará este venres en Xunta de Goberno o convenio co Concello de Pontevedra para investir preto de 1,3 millóns de euros nas obras de conexión entre a Avenida de Marín e a Rúa Rosalía de Castro. O vicepresidente provincial remarcou que “esta esperada actuación” será financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra e que as obras deberán estar rematadas antes do 31 de decembro de 2026.

“Seguimos avanzando, seguimos impulsando actuacións con recursos provinciais para transformar a cidade de Pontevedra como nunca antes se tiña feito”, asegurou Domínguez quen enxalzou que este novo convenio “trátase dunha proba máis da lealdade institucional e estreita colaboración entre a Deputación e o Concello”. Neste eido, o vicepresidente asegurou que a execución das obras do novo viario de conexión entre a Avenida de Marín e a Rúa Rosalía de Castro, en Mollavao, vai permitir desconxestionar e diversificar o tráfico de paso da rúa Rosalía de Castro para derivalo cara a Avenida de Marín, ademais de crear espazos reservados para peóns empregando criterios de seguridade e mobilidade sostible e calmado de tráfico na entrada oeste de Pontevedra.

En concreto, proxéctase una vía de dous carrís con sentido dobre de circulación, de ancho 3,5 metros, beiravías de ancho mínimo 0,30 metros e beirarrúas de tres metros de ancho entre bordos. A intersección coas rúas a conectar realizarase mediante dúas glorietas, a primeira na Avenida de Marín, con radio exterior de calzada de 17 metros e carrís de catro metros, e a segunda na Rúa Rosalía de Castro, con radio exterior de calzada de 14 metros e carrís de catro metros. O conxunto da actuación está deseñada cos obxectivos compartidos de impulsar medidas de mobilidade amable e sostible e seguranza e calidade medioambiental urbana. Ademais, a nova infraestrutura estará dotada da totalidade de instalacións complementarias: drenaxe, pluviais, saneamento e abastecemento, sinalización, iluminación e mobiliario urbano.

O vicepresidente provincial explicou que a actuación deberá estar executada, finalizada e xustificada antes do 31 de decembro de 2026 pero que, no caso de imposibilidade de remate das obras ou xustificación neste prazo, poderíase acordar ampliar ata o 31 de decembro de 2027. “Agardo que os prazos se cumpran, porque ata o de agora non puidera ser así e foi moi complicado manter estes recursos e que non se perderan os fondos para Pontevedra”, asegurou Domínguez quen subliñou que “é unha satisfacción que algo que xa tiña un convenio e que por diversas cuestións non se tiña podido executar, por fin vaia saír adiante”.

Galerias de imaxes

audios