Luis López confirma a aprobación en Xunta de Goberno do convenio con Pontevedra para destinar 1,3 millóns de euros á posta en marcha da nova vía de Mollavao

Tal e como anunciou este luns o vicepresidente Rafa Domínguez, esta actuación permitirá desconxestionar e diversificar o tráfico da rúa Rosalía de Castro para derivalo á Avenida de Marín

15/11/2024

Luis López

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para as obras de conexión entre a avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro, a coñecida como vía de Mollavao. O proxecto, como xa adiantou este luns o vicepresidente, Rafa Domínguez, conta cun orzamento próximo aos 1,3 millóns de euros e estará financiado integramente pola institución provincial. “Seguimos investindo nesta cidade desde a lealdade institucional e a estreita colaboración co concello”, asegurou o presidente Luis López quen engadiu que a aprobación do convenio permite “dar resposta ás necesidades da súa veciñanza con proxectos tan transformadores como este, ou o que tamén aprobamos recentemente para a rúa Doce de novembro”.

A actuación permitirá desconxestionar e diversificar o tráfico de paso da rúa Rosalía de Castro para derivalo cara a Avenida de Marín, ademais de crear espazos reservados para peóns empregando criterios de seguridade e mobilidade sostible e calmado de tráfico. En concreto, proxéctase una vía de dous carrís con sentido dobre de circulación, de ancho 3,5 metros, beiravías de ancho mínimo 0,30 metros e beirarrúas de tres metros de ancho entre bordos. A intersección coas rúas a conectar realizarase mediante dúas glorietas, a primeira na Avenida de Marín, con radio exterior de calzada de 17 metros e carrís de catro metros, e a segunda na Rúa Rosalía de Castro, con radio exterior de calzada de 14 metros e carrís de catro metros. O conxunto da actuación está deseñada cos obxectivos compartidos de impulsar medidas de mobilidade amable e sostible e seguranza e calidade medioambiental urbana. Ademais, a nova infraestrutura estará dotada da totalidade de instalacións complementarias: drenaxe, pluviais, saneamento e abastecemento, sinalización, iluminación e mobiliario urbano.

O convenio marca ademais os prazos desta actuación, de tal xeito que as obras deben estar executadas, rematadas e xustificadas antes do 31 de decembro do 2026, con posibilidade de amplialo, por razóns obxectivas, ata o 31 de decembro do 2027.

audios