A arte como vehículo para a memoria centra a segunda xornada dedicada a Conde Corbal na Deputación

Rosario Sarmiento falou da obra para defender a legalidade republicana feita dende o exilio pola primeira xeración da vangarda galega

22/04/2023

Segundo día de xornadas Conde Corbal

O segundo día de relatorios das xornadas organizadas pola Deputación en homenaxe a Xosé Conde Corbal tivo como centro do debate a maneira en que a arte, de maneira xeral, é transmisora da memoria de Galiza. O tema abordouse dende tres perspectivas e marcos temporais diferentes: como representaron a represión as persoas artistas que ficaron no país durante o golpe, a guerra e os primeiros anos da ditadura; como utilizaron a arte cunha maior liberdade as que estaban no exilio; e como literatura, o cine, o teatro e a banda deseñada falan da memoria na actualidade.

A deputada de Memoria María Ortega pechou a xornada agradecendo á familia de Conde Corbal e ás persoas asistentes e relatoras que participaron no día de hoxe e no de onte -centrada especificamente no autor pontevedrés homenaxeado polo seu centenario-, a súa implicación en divulgar a memoria “desde todos os ámbitos”, unha “necesidade”, dixo, “para que os feitos que aconteceron dende o 36, botando por terra xeracións preparadas que farían mellorar Galiza, non se repitan”.

A profesora Rosario Sarmiento foi a responsable da primeira das conferencias. Puxo sobre a mesa como a primeira xeración da arte de vangarda galega tivo que exiliarse a raíz do golpe e como se posiciou para reflexar a súa postura de defensa da legalidade republicana. Para a investigadora,  esas persoas artistas estiveron mediatizadas polo golpe e a guerra, que marcou a ruptura da súa xeración, porque a maioría ou morreu ou tivo que exiliarse.

“A súa arte é un elemento de posición política e de defensa da legalidade. E vese como guerra, memoria, exilio, e relación plástica están intimamente unidas. O que vemos deles son imaxes unidas á memoria da primeira liña e despois a lembranza no exilio. Son reflexos inmediatos do vivido. Son como apuntes, e non se poden xulgar unicamente dende o punto de vista creativo, senón como unha expresión do que significan, do posicionamento de defensa da República e a denuncia do que estaba a suceder coa poboación civil, igual que facían Goya e Picasso co Guernica”, destacou Sarmiento, que sinalou que a súa linguaxe plástica “é figurativa e expresiva e pensada para impactar e chamar a atención”.

Como algunhas das máis salientables obras de memoria feitas no exilio, sinalou as de figuras principais e fundamentais no país como Castelao, Luís Seoane, Colmeiro, Arturo Souto, Uxío Souto, Federico Rivas ou Mario Fernández Granell, entre outros.

Pola súa banda, o profesor e historiadora Carlos Bernárdez circunscribiu o seu relato aos primeiros momentos da guerra e a posguerra dentro da Galiza (dende o ano 36 ata finais dos anos 40), nos que a arte podía ter conflitividade e imposibilidade, explorando as disidencias e os seus espazos, moi significativos porque foron a prisión, a fronte da guerra, a memoria do bando franquista e as larvadas de referencias nunha arte que teoricamente falaba doutra cousa.

“A presenza de arte e memoria da guerra no interior de Galicia é algo moito máis escuro, polo feito de que a visibilidade pública dese tipo de temas era practicamente imposible na primeira posguerra”, dixo, motivo polo que subliñou “houbo que buscar as fendas da realidade, a través de elementos ‘detectivescos’”.

Bernárdez Dividiu o seu relatorio en catro partes. A primeira é a das obras que, de maneira excepcional, se realizaron na propia Galiza nos ano 36, como algunhas obras pequenas (tintas) de Manuel Colmeiro antes de exiliarse e que teñen como tema o terror e o fusilamento.

O segundo ámbito que abordou foi a memoria dos testemuños da prisión, dos artistas presos no 36 (algún executado). O caso máis rechamante, dixo, é o de Camilo Díaz Valiño, pai de Isaac Díaz Pardo, que realizou un caderno en prisión con retratos de presos que o acompañaron, entre eles Ánxel Casal; as obras de Benito Prieto Coussent, debuxante, pintor e escultor galego que estivo no cárcere de Tui; ou a actividade de Mario Granell, irmán de Eugenio, pintor que se pode adscribir á estética surrealista e que estivo preso entre o 36 e o 42 no cárcere da Coruña, onde fixo cadernos, retratos, ilustrou libros doutros presos, fixo obras para a súa moza que logo foi a súa esposa, todas obras de onirismo surrealista que sorprenden pola súa linguaxe de vangarda.

O terceiro grupo do que falou Bernárdez foi o das persoas que tiveron que vivir na fronte franquista e pintaron sobre ela. “Hai unha obra moi interesante que é de Laxeiro, que fixo unha serie de retratos cando el era soldado forzosamente no bando franquista en Asturias, -explicou-, que é un autorretrato moi espectacular no que el escribe un testemuño do momento en galego: ‘Este son eu no ano 1938, o 22 do 3. Cangas de Narcea. Asturias’”.

Finalmente, o último apartado son creacións de entre o 36 ao 40 ligadas á memoria cifrada, en obras da posguerra nas que aparecen referencias “larvadas” á guerra e á memoria. Unha das que destacou o historiador foi de Urbano Lugrís, que no tríptico de San Gonzalo, inspirado nun texto de Álvaro Cunqueiro dos anos 40, incorpora unha estela discoidal como as irlandesas e, debaixo dela,  inclúe o logotipo de Ultreia, a organización xuvenil nacionalista de antes da Guerra Civil. “É como unha chiscadela, unha mensaxe en clave elocuente que non debería estar aí”, subliñou.

Nesta liña, subliñou o estudoso, “é bonita a memoria do grande arquitecto e dirixente do Partido Galeguista, Manuel Gómez Román, que foi unha figura central do Seminario de Estudos Galegos, que realiza nos anos 40 un alzado dun edificio indicando que é o edificio para o Seminario de Estudos Galegos. Obviamente un edificio do seu estilo, como os que facía na realidade, pero era para unha institución que fora destruída polas autoridades franquistas e que polo tanto non se podía realizar. O propio feito de dicir que era un deseño para o SEG que estaba destruído e fora incautado é unha maneira de reivindicar a pervivencia dos ideais do galeguismo de posguerra e da memoria do proxecto cultural  nacional galego”, salientou.

As últimas intervencións da mañá fixéronse dende diferentes disciplinas. Foron as da actriz Belén Constenla, que enxalzou o feito de que xente moi nova estea na actualidade teatro de memoria para “rescatar a historia”; do cineasta Miguel Anxo Fernández, quen reivindicou os documentais de Carlos Velo, José Suárez e Antonio Román; da profesora de literatura Patricia Arias, que falou das moitas referencias e reflexións que existen na literatura sobre a guerra e a ditadura; e do autor de BD Kiko da Silva, quen reivindicou a banda deseñada como unha “fantástica ferramenta para contar historias, abordar temas en profundidade e sensibilizar as novas xeracións, por exemplo, en materia de dereitos humanos”, facendo un repaso pola historia da BD e falou de referentes como ‘Maus’, de Art Spiegelman, e publicacións como ‘La traca’, ‘Dominguín’, a catalana ‘TBO’ e a importancia de obras máis contemporáneas como ‘Doctor Uriel’ ou ‘El fotógrafo de Mauthausen.

O punto final das xornadas de Arte e Memoria chegou coa dramatización de Belén Constenla dun texto teatral arredor de María Casares, filla dun dos xefes da República (Santiago Casares). Constenla aproveitou para dar voz a Casares e explicou como ela tiña no seu documento de identidade no exilio a categoría de “residente privilexiada” cando tivo que exiliarse a Francia.

Galerias de imaxes