A sede da Deputación en Vigo convértese en altofalante do legado literario de María do Carmen Kruckenberg

A Deputación clausurou a exposición dedicada á poeta viguesa e organizada coa Fundación Penzol co recital poético “Á sombra ergueita”

09/11/2022

María do Carmen Kruckenberg

Os versos de María do Carmen Kruckenberg escollidos por Miriam Ferradáns, María Lado, Silvia Penas e Branca Trigo e a música ao piano de Aida Saco Beiroa resoaron esta tarde na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo para pór o broche de ouro á exposición sobre a poeta viguesa organizada pola institución provincial en colaboración coa Fundación Penzol. A Deputación organizou unha sentida homenaxe a unha figura fundamental da literatura galega do século XX en forma dun recital poético que, baixo o título de ‘Á sombra ergueita de María do Carme Kruckenberg’, serviu para lembrar o eterno legado que deixou Kruckenberg á historia cultural do país. Asistiron á clausura a presidenta provincial, Carmela Silva, o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, así como as deputadas e deputados, amais dunha nutrida representación da vida cultural, artística e social da cidade que encheu a sede provincial.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que María do Carmen Kruckenberg “era unha muller consciente e orgullosa da súa condición de muller, poderosa, adiantada ao seu tempo, e que non permitiu que unha sociedade machista lle negase o seu espazo”. A presidenta valorou que “con esta exposición recuperamos a súa figura que tivo a Vigo como a súa razón de ser e divulgámola entre as novas xeracións para que se siga coñecendo e recoñecendo a unha poeta fundamental para a historia da nosa cultura”, aludindo ás visitas que se organizaron estes días con alumnado de educación secundaria.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, agradeceu “á Deputación a súa colaboración, sen a cal non se podería ter realizado esta mostra, e polo apoio decisivo da súa presidenta Carmela Silva. Parabéns pola iniciativa de converter esta clausura nunha festa da poesía en homenaxe a María do Carmen Kruckenberg”. Puga sinalou que “esta colaboración foi moi importante para a Fundación e agardamos que teña continuidade, volveremos petar na súa porta para presentar novos proxectos en servizo da nosa cultura, que é a nosa razón de ser”.

Durante o recital, acompañado de imaxes da autora, léronse poemas extraídos da bibliografía de María do Carmen Kruckenberg. Silvia Penas –que tamén exerceu de condutora do acto– escolleu os 10 primeiros e os 10 últimos poemas de “A sombra ergueita”, publicado pola autora en 1976 (momento no que a poesía galega tomou o rumbo que desembocaría no panorama poético actual), mentres que Miriam Ferradáns optou por versos de “Jazz espido” (unha homenaxe ás mulleres que se dedicaban a este estilo musical), publicado en 2011. Pola súa banda, María Lado escolleu versos do poemario “Cantigas para un tempo esquencido” (1986) e Branca Trigo recompilou poemas dos títulos “A voz da auga” (2010), “Luz para un novo amencer” (2004), “Lembranzas da beleza triste” (2003), “As complexas mareas da noite”(2006), “Alegoría do ensoño ferido” (1992) e “A levidade do silencio”.  

A exposición “Vivir, unha aventura irrepetíbel”, que foi visitada por centos de persoas, céntrase na figura da ilustre poeta viguesa e está considerada unha das escritoras de posguerra máis salientables do século XX. Comisariada pola escritora e docente Mercedes Queixas, a mostra contribuíu á posta en valor da súa figura e da súa obra, na que a cidade de Vigo –“A onde fun, tornei a Vigo”– ten un papel protagonista como un espazo-tempo único vital e creativo, punto de inicio e retorno de todas as súas viaxes, como a que fixo a Bos Aires entre 1949 e 1953.

Logo dun uso alterno entre a lingua galega e castelá como instrumentos de creación, na década dos oitenta reorienta a lingua vehicular cara á creación monolingüe en galego grazas á toma de contacto con poetas galegos como Manuel María, Luz Pozo Garza, Aquilino Iglesia Alvariño ou Pura Vázquez. A súa obra abarca máis de vinte poemarios, varias escritos narrativos, traducións e incluso participou como actriz na obra de teatro de Álvaro Cunqueiro “Érase una vez...”. Colaborou tamén con revistas e diarios e foi vicepresidenta da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, sendo  galardoada co Premio Alecrín, a Medalla de Galicia, a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro ou o título de Viguesa Distinguida. Tamén realizou traducións en castelán, participou en obras colectivas en galego así coma en numerosos festivais de poesía.

A exposición estivo composta por 12 paneis informativos, 8 mesas expositoras con fondos de arquivos bibliográficos e obxectos persoais, e un audiovisual con intervencións da escritora grazas ao material custodiado pola Fundación Penzol.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.