A función Feminíssimas chega este sábado a Moraña no marco do ciclo teatral da Deputación
A actuación, a cargo da compañía De Ste Xeito Producións, terá lugar no edificio multiúsos da vila ás 21:00 horas
01/12/2023
O concello de Moraña acolle este sábado 2 de decembro, ás 21:00 horas, a representación teatral Feminíssimas como parte do ciclo Tornar ás Táboas, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia. A actuación a cargo da compañía De Ste Xeito Producións terá lugar no edificio multiúsos de Moraña, con entrada libre ata completar a capacidade.
Feminíssimas é, en palabras da compañía, “unha comedia negra... moi violeta”, dirixida ao público mozo e adulto, que sitúa a acción nun congreso feminista na cidade de Vigo, no que coinciden tres amigas da adolescencia que hai anos que non se ven e que teñen maneiras ben distintas de entender o feminismo. Este é o punto de partida desta creación colectiva de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira, unha peza teatral con altas doses de humor e ironía para poñer a amizade a proba.
Co ciclo teatral Tornar ás Táboas a Deputación de Pontevedra está a achegarlles, desde outubro e ata finais de mes, un total de corenta e nove funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer unha ampla variedade de espectáculos por toda a xeografía de Pontevedra.