O Grove acolle este venres 22 a proxección do filme “Live is Life” ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo
O pase do filme, dirixido polo realizador Dani de la Torre, terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
21/09/2023
A segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, recala este vindeiro venres 22 de setembro no concello do Grove. A Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey acollerá ás 20.00 horas o pase do filme Live is Life, do realizador Dani de la Torre.
A película, de 2022, conta con guión orixinal de Albert Espinosa e está protagonizada por Juan Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Silvia Bel e Luisa Merelas entre outras actrices e actores. A acción transcorre no verán de 1985, no que, como cada ano, o protagonista, Rodri, deixa Cataluña e regresa á aldea galega da súa familia para reencontrarse coa súa panda. Este ano é distinto e os problemas do mundo real comezan a aparecer nas súas vidas ameazando con separalos. Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a Noite de San Xoán en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.
Amais do Grove, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os do Grove, A Guarda, A Estrada e Caldas de Reis. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, o pasado 11 de marzo. O resto de títulos do programa son os traballos finalistas destes premios, coma os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022), A Foreign Song (César Souto, 2022), gañadora dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, e No somos nada (Javier Corcuera, 2022), estreada no Festival de Cine de San Sebastián. Tamén a película Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañador do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, e a longametraxe Código Emperador (Jorge Coira, 2022), estreada no XXIV Festival de Málaga.