“Éxito rotundo” dos workshops de turismo da Deputación en Sevilla e Bilbao, con máis de 1.000 encontros de traballo realizados polo sector
Carmela Silva: “Superamos amplamente as expectativas con máis de 200 empresas andaluzas e vascas que amosaron o seu enorme interese polo destino Pontevedra Provincia. Estou segura que pronto se verán os resultados”
21/10/2022
De “éxito rotundo” cualificou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aos workshops que se celebraron esta semana en Sevilla e Bilbao nos que se realizaron máis de 1.000 encontros de traballo entre as empresas turísticas da provincia que viaxaron coa delegación da Deputación e do Clúster de Turismo e máis de 200 firmas andaluzas e vascas. “Superamos amplamente as expectativas coas que partíamos”, asegurou a presidenta, “e o noso destino espertou un enorme interese polo que estou convencida de que pronto se verán os resultados”. Os eventos, os días 19 e 20 de outubro no complexo Las Setas de Sevilla e no Yimby Bilbao Ercilla, pecháronse coa presentación da campaña “Love Rías Baixas” e a degustación gastronómica de produtos das Denominacións de Orixe situadas na provincia que namoraron ao público asistente.
Para Carmela Silva estas iniciativas “son fundamentais para fomentar a desestacionalización e incrementar a captación de visitantes en dous mercados como son Sevilla e Bilbao, de enorme interese para a provincia, cun forte consumo de produtos culturais e enogastronómicos”. A Deputación de Pontevedra é a única galega que realiza estas actividades de promoción e comercialización de destinos, cuxo éxito veñen de revalidar as propias empresas e entidades da provincia que participaron nos workshops aos que valoraron como “eventos moi produtivos, que fortalecen o destino, permiten un traballo conxunto entre as empresas, fomentan redes de traballo e dan a coñecer unha oferta diferente, alternativa e de calidade da provincia”.
Lorena Varela, xerenta da Ruta do Viño embaixadora este ano de Rías Baixas e escollida en Fitur como a mellor Ruta do Viño do ano, subliñou “o especialmente receptivas” que foron as empresas de Sevilla e Bilbao. “Temos observado un grande interese en integrar a oferta enoturística nos paquetes que venden do destino Pontevedra Provincia”, subliñou. Pola súa banda o director do Museo de Pontevedra amosou a súa satisfacción pola “grande acollida da proposta do museo, da que destacaron a calidade e excelencia dos servizos ofertados”. En canto ás traballadoras especializadas nos castelos de Soutomaior e Sobroso fixeron fincapé na ampla “xeración de sinerxías” e no elevado interese “pola oferta cultural e patrimonial” e a “dinamización turística realizada nos dous recintos”.
Mentres que en Sevilla as empresas participantes amosaron unha predisposición para coñecer o que o destino Pontevedra provincia podía ofrecerlles no seu conxunto, en Bilbao tense detectado empresas cun interese en cuestións máis concretas, motivado polo amplo coñecemento do destino e a oferta de Rías Baixas. As 200 firmas sevillanas e bilbaínas puideron afondar nos produtos que ofertan firmas da provincia que representan a sectores relacionados co turismo, dende hoteis a axencias receptivas, adegas, casas de turismo rural, empresas de aluguer de barcos a motor e vela. Todas elas situadas nos concellos de Bueu, Cambados, A Estrada, Meaño, Oia, Poio, Pontecesures, Pontevedra, O Rosal, Sanxenxo, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía como Alda Hotels, Hotel Attica 21 Vigo, Hotel Bahía de Vigo, Hotel Ciudad de Vigo, Hotel OCA Ipanema, Hotel Zenit Vigo, Pazo Los Escudos, Vio Viajes, Sailway, adegas Terras Gauda, Hotel Talaso Atlántico, Casa do Sear, Circuítos Galicia, Galicia Villas, Gran Talaso Sanxenxo, Hotel Pirámide, Hotel Spa Nanín, Viajes Interrías, Celtatravel, Paco&Lola, Always Spain Incoming, Tee Travel, Hotel San Luis, Hotel Villa Covelo e Simply Galicia.