A Deputación repartirá 300.000 euros para proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural na provincia

A deputada María Ortega non descarta incrementar a partida orzamentaria

14/04/2022

O departamento de Patrimonio da Deputación ten aberto nestes momentos e ata finais de mes o prazo para a solicitude de axudas a proxectos de rehabilitación do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. A partida inicial destinada ás subvencións ascende a 300.000 euros, mais a deputada responsable da área, a nacionalista María Ortega, non descarta incrementala co fin de financiar a maioría das actuacións que se presenten, tal e como aconteceu na anterior convocatoria.

Entre os gastos subvencionables, a liña de axudas inclúe obras de conservación que teñan como obxectivo manter as características e os materiais orixinais do inmoble patrimonial; obras de restauración que teñan por obxecto a restitución ou a mellora da imaxe e a unidade do ben; obras de sinalización dos bens inmobles dos concellos no ámbito territorial da provincia de Pontevedra e estudos museográficos ou arqueolóxicos, coa información previa ao seu deseño, que sexan necesarios para elaborar os sinais; proxectos técnicos oficiais ou colexiados das actuacións que se leven a cabo; deseño e instalación de paneis informativos ; e gastos de estudos museográficos e arqueolóxicos sobre os bens patrimoniais para a elaboración de paneis que recollan información precisa e veraz.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo e, ao mesmo tempo, harmonizar coa contorna. Os textos incorporados eberán redactarse obrigatoriamente en lingua galega, de maneira ordenada e clara, e serán validados por Servizos Lingüísticos da Deputación. No caso de que exista sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada de titularidade municipal, esta deberá quitarse antes de colocar a nova.

Ortega lembra que desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta estas liñas de subvencións de rehabilitación e sinalización, que pretenden a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.

Entre as subvencións de anos anteriores había axudas a elementos tan diversos como contornas arqueolóxicas, petos e cruceiros, lavadoiros, paneis informativos ou ben incluso a reposición de tapizados dalgunha casa consistorial.