A Deputación abre este xoves o prazo para solicitar as axudas para clubs federados de ámbito inferior ao estatal e para o deporte náutico da provincia de Pontevedra

A institución provincial dedica preto de 1,2 millóns de euros a ambas liñas de axudas, que se outorgarán por concorrencia competitiva e poderán solicitarse ata o 10 de xullo

13/06/2024

A Deputación de Pontevedra abre este xoves, 13 de xuño, o prazo para que clubs deportivos soliciten unha das dúas axudas destinadas a impulsar o deporte na provincia dotadas de preto de 1,2 millóns de euros e que serán repartidas entre os clubs por concorrencia competitiva. En concreto, trátase das subvencións para apoiar aos clubs náuticos de piragüismo, vela e remo neste 2024, dotadas con 500.000 euros, e das achegas para axudar aos clubs a participar en competicións oficiais de ámbito inferior ao estatal, cun orzamento de 650.000 euros, é dicir, 25.000 máis que o pasado ano.

No caso das primeiras, están dirixidas aos clubs deportivos sen ánimo de lucro da provincia que participen en competición oficiais de calquera ámbito territorial no piragüismo, ao que se destinan 280.000 euros, remo, con 145.000 €, ou vela, con 75.000 euros. Cada club poderá recibir un máximo de 25.000 euros, sempre que non supere o 40% do orzamento presentado. Entre os gastos que poden subvencionar os clubs atópanse os gastos federativos, os de competición e adestramento, os de persoal, de material deportivo ou sanitarios.

Por outra banda, 650.000 euros destinaranse aos clubs deportivos que participen en competicións oficiais de ámbito inferior a estatal a través de dúas liñas. Unha, dirixida aos clubs de competicións de ámbito inferior a estatal que, cun orzamento de 600.000 euros, poden solicitar un máximo de 3.000 € cada un, 500 € máis que o pasado ano. E, a outra, centrada naqueles clubs que participen en competicións de fútbol Preferente Galicia Grupo Sur, aos que a Deputación destina 50.000 euros, con achegas máximas de ata 5.000 € por club. En ambos casos, o importe máximo non pode superar o 80% do orzamento presentado, e os gastos subvencionables son tamén os federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou sanitarios.

As solicitudes, que se poderán realizar desde este xoves e ata o vindeiro 10 de xullo, deberán presentarse a través da Sede electrónica da Deputación, e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases de ambas convocatorias con todos os detalles, así como os gastos subvencionables máis pormenorizados ou a documentación que é necesario achegar.