A Deputación aproba unha batería de axudas a entidades deportivas por valor de 800.000 euros

Luis López: “O deporte será un auténtico piar estratéxico deste mandato e contará co respaldo do Goberno provincial”

28/07/2023

Presidente da Deputación

“O deporte –asegurou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López- será un auténtico piar estratéxico deste mandato e contará co respaldo do Goberno provincial”. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha batería de axudas a entidades deportivas por valor de 800.000 euros.  Medio millón de euros destinaranse a apoiar os gastos de competición, adestramento, material ou coberturas sanitarias de 50 clubs deportivos náuticos da provincia e outros 300.000 para que 163 entidades deportivas poidan organizar campionatos, eventos e actividades na provincia durante o 2023.

As axudas ao deporte náutico contemplan recursos para entidades de piragüismo, remo e vela que participan en competicións federadas oficiais no ano 2023. Do medio millón de euros, 280.000  dirixiranse a 25 clubs de piragüismo de 17 concellos da provincia entre os que se atopan Cambados, Cangas, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Mondariz, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Ribadumia, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía. Outros 145.000 euros irán destinados a 14 clubs de remo de nove concellos: Bueu, O Grove, A Guarda, Marín, Moaña, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa. E, finalmente, beneficiaranse de 75.000 euros 11 clubs de vela de Baiona, Cangas, A Illa de Arousa, Marín, Nigrán, Sanxenxo e Vigo.

No que respecta ás axudas por valor de 300.000 euros para a organización de campionatos, eventos e actividades deportivas na provincia, das que se benefician 163 entidades, 180.000 € irán para 43 clubs que organizan este ano competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional. Neste caso, as axudas poden chegar aos 13.500 euros por entidade e beneficia a clubs dos concellos de Cangas, O Grove, Lalín, Marín, Nigrán, Pontevedra, Ribadumia, Sanxenxo, Tui, Vigo e Vilagarcía.  Ademais, outros 120.000 euros destinaranse a 120 clubs que organizan no 2023 competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, federadas ou non federadas. Trátanse, neste caso, de axudas que poden ascender aos 2.200  euros por entidade e benefician a clubs de 34 concellos da provincia: Baiona, Barro, Bueu, Cambados, Cangas, Cuntis, A Estrada, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meis, Moaña, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova.

audios