A Deputación adxudica as obras de mellora na contorna do IES Pazo da Mercé das Neves
A institución provincial dedicará 250.000 € a actuar nun treito de preto de 500 metros para aumentar o espazo para as persoas, ordenar o tráfico rodado e calmar a velocidade
09/06/2023
A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da mobilidade peonil na contorna do IES Pazo da Mercé, na entrada ao núcleo urbano das Neves. A institución investirá nesta actuación na EP-4006 Ponteareas–As Neves 248.000 €. É o 100% do orzamento, xa que o 20% correspondente ao concello no convenio entre as dúas administracións será sufragado co Plan Concellos. As obras afectarán un tramo da vía de 480 metros, desde a rotonda que comunica coa EP-4202 ata o IES Pazo da Mercé, e terán unha duración de seis meses.
Esta actuación permitirá mellorar a funcionalidade e a seguridade da vía tanto para o tráfico rodado como para o peonil, que será prioritario. Incrementarase o espazo para as persoas con beirarrúas máis amplas na marxe esquerda, dando solución así á beirarrúa existente na actualidade, que se atopa en mal estado. Tamén se ordenará o tráfico rodado e calmarase a velocidade coa instalación dun novo paso peonil sobreelevado. As beirarrúas, de ancho variable, executaranse cun pavimento composto por saburra e formigón coloreado. Os vaos peonís, pola súa parte, disporán dun pavimento táctil indicador direccional e de botóns mediante lousa hidráulica sobre morteiro de cemento. Ademais, plantaranse 30 árbores para dar sombra.
O proxecto tamén inclúe outras actuacións como a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e a canalización soterrada do alumeado público na marxe esquerda. Ademais, instalarase a sinalización horizontal e vertical e reporanse tanto a varanda como as dúas marquesiñas situadas neste treito. Nas zonas de estacionamento, ademais, acondicionaranse prazas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida.