A Deputación leva o Ateneo pola Igualdade ata Redondela coa función teatral “As formas do amor”

A actividade, á que asistirá a deputada provincial Sandra Bastos, terá lugar este domingo 1 de decembro ás 18:00 horas no edificio multiúsos da Xunqueira

30/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 1 de decembro a Redondela unha representación teatral coa que o público poderá reflexionar sobre “As formas do amor” da man da compañía Verdeveras Expresións Artísticas. Con esta actividade, á que asistirá a deputada provincial Sandra Bastos e que terá lugar ás 18:00 horas no edificio multiúsos da Xunqueira, a institución provincial continúa espallando a programación do Ateneo pola Igualdade nos concellos da provincia.

A función, dirixida por Gena Baamonde e con texto de María Ángeles Iglesias –que tamén é unha das actrices en escena xunto a Sergio Zearreta-, presenta un deses amores inesquecibles que marcan un antes e un despois na vida porque poñen todo patas para arriba. Logo dun tempo separados, talvez sexa o momento para volver atoparse por primeira vez. Trátase dunha historia para saír do teatro con moi boa sensación no corpo, con gusto, alegría e esperanza á par que se reflexiona sobre iso que chamamos “amor”.

Ateneo pola Igualdade é unha iniciativa que busca situar a Deputación como un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, un recurso público especializado á disposición de toda a cidadanía da provincia, baseado na investigación e na divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero. Trátase dun programa itinerante, cunha programación ampla e variada dividida en catro áreas: investigación (elaboración de estudos), formación (encontros, xornadas, foros, congresos e seminarios), sensibilización (campañas en asuntos como coeducación ou corresponsabilidade, ademais de ciclos culturais) e difusión (unha videoteca, presentacións, edición de libros e encontros con escritoras).

Entre as accións do programa, ademais de “As formas do amor”, están o espectáculo “A Familia Bolechas en igualdade” para alumnado de Primaria, obradoiros de sensibilización, un completo programa formativo para alumnado desde a ESO ata a FP, a posta á disposición dos concellos e centros de ensino dos materiais das campañas de sensibilización da Deputación, ademais de accións específicas coas internas do módulo de mulleres do Centro Penitenciario da Lama. Pódese consultar toda a información no sitio web da Deputación.