Adiada a presentación do catálogo da exposición ‘Voilà la femme’ no Museo

A mostra clausúrase o domingo 10 de xullo cunha performance da artista Yolanda Herranz

27/06/2022

O Museo de Pontevedra vén de adiar a presentación do catálogo da exposición ‘Voilà la femme’ previsto para este xoves. Ante a imposibilidade de realizar o acto tal e como estaba previsto a dirección, de acordo coas comisarias da mostra Yolanda  Herranz e Celeste Garrido, fixará unha nova data que será anunciada proximamente.

A exposición permanecerá aberta ata o domingo 10 de xullo, cando ás doce do mediodía terá lugar o acto de clausura baixo o título “SOMOS Mulleres e ESTAMOS Aquí”, unha performance en vivo da artista Yolanda  Herranz á que se poderá asistir de maneira libre.

Voilà la femme’ é un proxecto de 30 anos que naceu en marzo de 1992 no Ateneo Santa Cecilia de Marín e se creou para reivindicar o papel das mulleres no ámbito da arte e da cultura, converténdose nun referente emblemático a nivel artístico por consolidarse como a mostra de mulleres artistas con maior traxectoria dentro do territorio español.

O proxecto chegou ao Museo de Pontevedra pola súa especial relación coa cidade despois dunha ampla traxectoria e o Edificio Castelao acolle unha selección das obras das artistas máis relevantes que participaron nas súas 25 edicións, en total máis de 200, que naceron, viven ou traballan en Galicia, moitas delas téndose formado ou impartido docencia na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

A mostra do 25 aniversario no Museo conta coa participación de Menchu Lamas Pérez, Yolanda Herranz Pascual, Celeste Garrido Meira, Ánxeles Iglesias Charlín, Carme Nogueira Alonso, Carmen Hermo Sánchez, Mar Vicente Souto, Sara Sapetti, Reme Remedios Fernández, Sonia Tourón Estévez, Mª Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, Ana Gil Rodríguez, Basilisa Fiestras Cachafeiro, Noemí Lorenzo Pérez, Beatriz Sieiro Caramés, Nuria Ruibal García, Itziar Ezquieta Llamas, Ofelia Cardo Cañizares, Gema López González, Isabel Alonso Vázquez, Mery Pais Domínguez, Colectivo LAG, Raquel Blanco Iglesias, Belén Diz Juncal, e Tania Crego Gutiérrez..

Trátase dunha exposición que pretende contribuír a poñer no foco e na axenda pública o debate sobre onde están as mulleres artistas nos museos, reivindicando a arte en feminino con conciencia e compromiso a través de grandes eventos e aumentando as obras femininas expostas nas coleccións temporais. Todo iso para xerar unha reflexión sobre a identidade e a desigualdade.
     

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.