A música de Teoría de la Nada soará en Baiona contra o sistema patriarcal ao abeiro de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”

26 de setembro na praza de Victoria Cadaval, en Sabarís (Baiona) a partir das 21.00 h

25/08/2022

Teoría de la Nada  

A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" por toda a provincia, nesta ocasión cunha actuación protagonizada polo grupo madrileño Teoría de la Nada na praza de Victoria Cadaval, en Sabarís (Baiona) a partir das 21.00 h de mañá, venres, 26 de setembro. A actuación contará coa presenza da deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso e do alcalde de Baiona, Carlos Gómez.

A través dunha historia que comeza na infancia e transcorre por todas as etapas dunha persoa nun mundo hostil e patriarcal, Teoría de la Nada recitarán textos e cantarán sobre a represión dos corpos, a perda da inocencia, o individualismo ou as expectativas impostas. Baixo estas premisas interpretarán temas como "Reina de las dudas", baseada nas relacións sentimentais tóxicas na adolescencia e a aprendizaxe cara unha aceptación propia, máis alá da validación masculina, ou "Como este tiempo rígido", que fala dos medos.

Teoría de la Nada naceu no 2015 en Madrid e fai concertos nos que colabora con diferentes mulleres artistas coa idea de xerar unha comunidade de apoio nun mundo artístico ateigado de homes. En 2019 o grupo cesa a súa actividade e as súas compoñentes toman rumbos diferentes. Tras reencontrarse en 2021, o dúo volve ós escenarios. As súas cancións falan de vivencias persoais, de historias de amor e amizade, de revolución, das persoas que se van atopando polo camiño, da súa propia historia de amor e da do resto desa familia escollida que se forma no intento de loitar contra a individualidade.

O programa "Violencia Zero", coas súas diferentes expresións artísticas, xa pasou por Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis, As Neves, Redondela, Salceda, Fornelos, o centro Príncipe Felipe, Tui, Meis, A Cañiza, e tras esta parada en Baiona, chegará aos concellos de Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.