A Deputación supervisa as obras que se están a executar para acondicionar as instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro
O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e da Finca Areeiro, Javier tourís, revisou as actuacións nas que o Goberno provincial está a investir preto de 130.000 € para rehabilitar e reforzar a estrutura da casona e mellorar o acceso ao laboratorio
24/07/2024
A Deputación de Pontevedra ten a piques de rematar e en plena execución as dúas obras que se están a executar para acondicionar as instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e da Finca Areeiro, Javier Tourís, revisou estas obras nas que o Goberno provincial está a investir preto de 130.000 € para rehabilitar e reforzar a estrutura da casona e mellorar o acceso ao laboratorio de fitopatoloxía.
Ata o de agora a casona estaba insuficientemente illada e amosaba danos e incidencias nos elementos estruturais da fachada principal, ademais de filtracións no muro posterior, o que impedía garantir os niveis adecuados de seguridade, habitabilidade e salubridade para o desenvolvemento das actividades que alí se desenvolven. Deste xeito, a través da reforma, na que se están a investir 40.000 euros, substituíronse elementos estruturais que presentaban danos e patoloxías e emendáronse os danos producidos polas filtracións, impermeabilizando as fachadas este e sur da súa primeira planta. Neste caso, a actuación, tal e como puido comprobar o deputado provincial Javier Tourís, está practicamente rematada.
No que respecta ao laboratorio de fitopatoloxía o investimento ascende a 90.000 euros para substituír un dos núcleos de escaleiras de acceso á primeira planta, que presenta deficiencias. Tamén se están realizando reparacións estruturais diversas no voladizo e piar, así como substituíndo os cortaventos de acceso e adecuando o espazo baixo a nova escaleira para almacén. Neste caso, Javier Tourís supervisou as obras que se atopan en execución e bastante avanzadas.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.