A Deputación presenta Ateneo pola Igualdade, un novo programa de investigación e divulgación para contribuír a reducir a fenda de xénero entre mulleres e homes

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, deu a coñecer as actividades do programa, que comeza este mércores cunha actuación da Familia Bolechas no centro Príncipe Felipe e continuará con representacións teatrais, conferencias ou un programa de formación dirixido ao alumnado desde Secundaria ata a FP

18/11/2024

A Deputación presenta Ateneo pola Igualdade

A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, presentou este luns o novo programa provincial Ateneo pola Igualdade, unha iniciativa que busca situar a Deputación como un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e que será “un recurso público especializado que poñemos á disposición de toda a cidadanía da provincia, baseado na investigación e na divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero”. Ateneo pola Igualdade busca fomentar a reflexión arredor da igualdade, “incentivando a realización de estudos que detecten as eivas que impiden a consecución da igualdade co obxectivo de reducir a fenda de xénero e de detectar e prever as formas de violencia machista”, sinalou a deputada.

Ateneo pola Igualdade é un programa itinerante, que se espallará por toda a xeografía provincial, cunha programación ampla e variada baseada en tres alicerces: o coñecemento, a creación e o progreso. Con esta premisa, indicou Sandra Bastos, “imos coñecer a situación das mulleres e dos homes nos diferentes ámbitos, crear contidos con perspectiva de xénero e progresar na consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”. Será a partir de actividades dividida en catro áreas: investigación (elaboración de estudos), formación (encontros, xornadas, foros, congresos e seminarios), sensibilización (campañas en asuntos como coeducación ou corresponsabilidade, ademais de ciclos culturais) e difusión (unha videoteca, presentacións, edición de libros e encontros con escritoras).

O calendario de actividades programadas arrancará este mesmo mércores no centro Príncipe Felipe co espectáculo “A Familia Bolechas en igualdade”, seguido cunha representación do espectáculo de teatro “As formas do amor”, de Verdeveras Expresións Artísticas, este venres en Ponteareas (que tamén chegará a Redondela en decembro) e continuará o 26 de novembro na Escola de Enfermaría cun obradoiro de sensibilización, a cargo de Priscila Retamozo, dirixido ao alumnado do primeiro curso. Ademais, Ateneo pola Igualdade chegará ao Centro Penitenciario da Lama, onde se desenvolverá unha acción na biblioteca do centro, con Carmen Quinteiro e Begoña Paz, e a humanización do patio do módulo de mulleres cun mural colaborativo entre as internas e unha artista da contorna.

A Deputación presenta Ateneo pola Igualdade

Ademais das actividades programadas, a Deputación conta tamén cun catálogo de actividades en convocatoria aberta para a comunidade educativa e os concellos. Por unha banda, o espectáculo da Familia Bolechas, que se ofrecerá aos centros de ensino para levalos ás aulas de Primaria que o soliciten. No caso da Educación Secundaria, Bacharelato e FP, a Deputación elaborou un plan de formación con 6 accións sobre as seguintes temáticas: “influencers” e “gamers”, creación de contidos de igualdade en redes sociais, educación sexo-afectiva (estes 3 para alumnado da ESO), representación das mulleres nos medios de masas, un trivial de educación sexual e unha charla para combater os argumentos machistas e negacionistas que moitos alumnos ofrecen neste tipo de actividades (estes tres para Bacharelato e FP). Os centros de ensino tamén terán á súa disposición os materiais das campañas contra agresións sexuais da Deputación, ao igual que os concellos, aos que tamén se lles ofrecerá un punto violeta.

Sandra Bastos sinalou que “con Ateneo pola Igualdade amosamos unha vez máis o compromiso absoluto desta Deputación coa igualdade, obxectivo prioritario do goberno provincial. De feito, hai unhas semanas que o noso presidente anunciou un incremento do 2% no orzamento destinado ao servizo de Igualdade en 2025”, lembrou a deputada, que desexou que “con esta e outras moitas iniciativas que estamos a liderar desde a Deputación poidamos avanzar, da man dos concellos e da sociedade, para que máis pronto que tarde consigamos a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”.

audios