A Deputación obtén o distintivo de calidade na xestión do programa Erasmus na Formación Profesional que será “prioritaria” para obter novos fondos

Carmela Silva: “Recibimos felicitacións por como administramos os fondos europeos: demostramos unha extraordinaria xestión con transparencia e cumprindo os obxectivos”

04/02/2022

Rolda de prensa
 

“Iamos por unha estrada convencional, e agora iremos por unha autoestrada”. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, definiu así a situación para a institución provincial de cara a obter novos fondos Erasmus tras recibir a acreditación deste programa no ámbito da Formación Profesional, un distintivo de calidade que fai que a partir de agora, engadiu Carmela Silva, sexamos “prioritarios á hora de obter fondos na nova convocatoria”.

A presidenta explicou que a Deputación está a recibir felicitacións pola extraordinaria xestión dos fondos europeos. “Hoxe mesmo tivemos unha xuntanza coa Dirección Xeral do próximo programa POCTEP e a directora xeral díxonos que somos a Administración que xestiona de forma óptima os fondos”, explicou a presidenta, para salientar “o cambio extraordinario que houbo nesta Deputación”. “Recibimos felicitacións por como administramos os fondos, somos capaces de achegar moitos proxectos transformadores, e demostramos unha boa xestión con transparencia e cumprindo os obxectivos”, destacou.

Carmela Silva anunciou a creación dun consorcio con 38 centros de 23 concellos da provincia que imparten Formación Profesional Básica ou Ciclos Formativos de Grao Medio. “Baixo a coordinación da Deputación presentarémonos á convocatoria do 2022 e coa acreditación estamos moi ben situados e temos case garantidos os fondos”, manifestou.

Aprobadas 23 novas bolsas para formarse no estranxeiro

A presidenta explicou que a Xunta de Goberno aprobou esta mañá a concesión de novas bolsas de mobilidade para o alumnado beneficiario do programa Prácticum Depo  co que a Deputación xestiona os fondos Erasmus e que ten por obxectivo completar a formación de estudantes graduados/as de Formación Profesional de ciclos medios con prácticas laborais en empresas e institucións europeas. A aprobación, con bolsas por valor de máis de 160.000 euros, permitirá a 21 alumnos e dous profesores realizar estancias en Italia (10 bolsas), Portugal (5), Finlandia (5), Paises Baixos (1), Irlanda (1) e Malta (1). Trátase da quinta quenda da convocatoria de 2020 do Prácticum Depo, da que xa se beneficiaran 53 persoas ata agora.

”É un instrumento para facilitar a inserción laboral do alumnado con prácticas noutros países europeos”, sinalou a presidenta da Deputación. O alumnado desta quenda iniciará a formación no estranxeiro entre febreiro e marzo por un período de preto de seis meses, e contará con axudas de entre 5.400 e 8.900 euros, mentres que o profesorado recibirá entre 700 e 800 euros dependendo do país de destino e a duración da estancia. Desta convocatoria queda agora só pendente un sexto grupo con mobilidades para nove docentes.

A Deputación iniciou o Prácticum Depo en 2015 no marco do Programa Erasmus + que nestes sete anos beneficiou a 545 persoas entre alumnado e docentes, cun orzamento que superou os 6 millóns de euros, dos que 985.000 foron financiados pola Deputación e preto de 5,1 millóns polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación, entidade dependente do Ministerio de Universidades que xestiona os proxectos Erasmus+.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.