40 estudantes de FP da provincia completarán a súa formación en Europa grazas ó programa da Deputación Prácticum Depo

Os 306.427 euros aprobados permitiranlles facer estadías de entre catro e oito meses en Portugal, Italia, Irlanda, Finlandia, Malta e República Checa

28/12/2022

A Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de 203.427 euros para que 40 graduados e graduadas en ciclos medios de Formación Profesional poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, facilitando desta maneira a súa inserción laboral. É a quinta mobilidade do programa Practicum Depo 2021, que permitirá que 15 alumnas e 25 alumnos poidan completar a súa formación en Europa grazas as axudas de estancia e viaxe da Institución provincial en Portugal (17 persoas), Italia (13), Finlandia (3), Malta (3), Irlanda (2) e República Checa (2).

Os estudantes, que iniciarán a súa formación en xaneiro de 2023, proveñen de 15 centros educativos de Marín, Pontevedra, Vigo, As Neves, Redondela, Salvaterra de Miño, Cambados, Bueu, Cangas, Lalín e Sanxenxo, dos ciclos medios de Xestión administrativa, Coidados auxiliares de enfermería, Atención ás persoas en situación de dependencia, Sistemas microinformáticos e redes, Soldadura e caldeiraría, Instalacións de telecomunicacións, Sistemas frigoríficos e climatización, Aproveitamento e conservación do medio natural, Electromecánica de vehículos automóbiles, Instalacións eléctricas e automáticas, Impresión gráfica, Vídeo Disc-jockey e Son, Peiteado e estética capilar, Panadería, repostería e confeitaría, así como do ciclo básico de Ofimática de oficina. As prácticas durarán entre catro e oito meses e percibirán axudas económicas para a súa estancia que irán dos 4.721 ata os 10.078 euros, dependendo do país de destino elixido e a duración da estancia.

En total, esta sétima edición do Practicum Depo, que leva con esta cinco mobilidades, permitiu ata o momento que 106 alumnas e alumnos de Formación Profesional e un docente puideran realizar as súas prácticas en empresas e institucións europeas ao longo deste 2022. O resto de participantes deste ano estímase que comecen as súas prácticas en maio de 2023. O proxecto, que se iniciou en 2015 no marco do Programa Erasmus + e está integrado por 38 centros que imparten FP na provincia, conta nesta edición cun orzamento total de 1.074.013 euros, dos que a Deputación de Pontevedra aporta 162.976 euros e o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) os 911.037 euros restantes. Ao longo das sete edicións celebradas desde a súa posta en marcha, un total de 650 persoas beneficiáronse destas bolsas de mobilidade europea.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.