A Deputación levará á rapazada dos centros escolares da provincia á Casa de Rosalía para coñecer a figura e o legado da autora

O departamento provincial de Lingua e a Fundación Rosalía de Castro colaboran para desenvolver o programa educativo de visitas guiadas ‘Rosalía, a súa casiña, o meu lar’

07/06/2022

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Lingua, e en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, veñen de poñer en marcha un programa de visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía en Padrón para achegar a figura e o legado da autora á rapazada de toda a provincia. Baixo o nome de 'Rosalía, a súa casiña, o meu lar' preténdese que alomenos 30 centros de ensino da provincia se acheguen durante este ano á Casa da Matanza e coñezan toda a riqueza cultural da colección que alí se atopa.

A deputada de Lingua María Ortega sinala que o programa enmárcase dentro da colaboración continuada entre o organismo provincial e a Fundación para a realización de actividades que contribúen á promoción e á difusión do patrimonio lingüístico e cultural do país. A Deputación farase cargo dos custes da entrada e do transporte do alumnado dende os centros de ensino ata a Casa de Rosalía, resultando a iniciativa totalmente de balde para as e os beneficiarios.

Segundo destaca a nacionalista, é fundamental que o alumnado dos centros de Primaria e Secundaria da provincia coñeza a Rosalía como "autora nuclear das letras galegas modernas, a voz poética de Galicia por excelencia, unha icona popular e un referente indispensable do panorama literario do século XIX. Os seus Cantares Gallegos foron entendidos como a primeira gran obra da literatura galega contemporánea, na que recupera unha tradición escrita, en galego, que se perdera, ao tempo que situou no lugar que lle corresponde a literatura popular, outorgándolle a importancia que lle foi negada durante séculos".

As visitas á Casa de Rosalía, engade a responsable de Lingua, servirán entender de forma máis efectiva a importancia de Rosalía como referente, figura central da cultura galega e como eixe dunha familia que funcionou como unha auténtica factoría cultural ao servizo do Rexurdimento galego.

As e os participantes realizarán un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra da autora. Na planta baixa da Casa-Museo, denominada 'O perfil dunha sombra', as e os escolares poden apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, a contorna que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora; mentres que na primeira planta, denominada 'O seu', vivirán unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga. Realizarase tamén unha proxección audiovisual sobre a figura da escritora, rematando coa entrega ao centro de varios dos seus volumes literarios.

As visitas escolares levaranse a cargo polo persoal do Departamento de Educación da Casa-Museo de Rosalía de Castro e estarán apoiadas polo material didáctico adaptado a cada idade (Primaria, ESO e Bacharelato), que se enviará previamente aos centros escolares para a súa preparación previa.

O Boletín Oficial da Provincia de hoxe publica as bases para que os centros poidan solicitar as visitas: inicialmente será necesario concertar a visita co departamento de Educación da Casa-Museo a través do correo fundacion@rosaliadecastro.gal ou do teléfono 981 811 204. Unha vez acordada a cita, os centros educativos deberán presentar a súa solicitude á Deputación (por vía electrónica) a través do formulario dispoñible na sede electrónica entre mañá mércores 8 de xuño e ata o 1 de decembro deste ano. As solicitudes deberán presentarse no formulario cunha antelación mínima de 20 días naturais antes da súa realización. Concederanse por estrita orde de entrada.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.