A Deputación destina 3,7 millóns de euros a políticas sociais para os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia

A Xunta de Goberno aproba as bases do Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e das axudas básicas de emerxencia

12/01/2024

rolda de prensa do presidente

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou nunha rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases do Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e das axudas básicas de emerxencia para 2024. Ambas as liñas de subvencións están destinadas aos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, que contan cun investimento total de 3,7 millóns de euros.

En concreto, no relativo á primeira delas, centrada nos servizos sociais comunitarios, a Deputación pon á disposición dos concellos preto de 3,1 millóns de euros. Destes recursos, 1,2 millóns estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co cal se atenden persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, e 1,9 millóns destinaranse a cubrir os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios municipais. Cada un dos 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes terá á súa disposición unha achega máxima que vai desde os 24.000 aos 120.000 euros.

A través deste plan, a institución provincial pretende mellorar a calidade de vida das persoas; posibilitar a súa permanencia no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social; retardar ou evitar a institucionalización; e reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.

No que respecta ás Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial mobiliza 600.000 euros para que os concellos poidan atender as demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Destes recursos, 393.000 euros van destinados a gasto corrente e os 207.000 restantes serán para investimentos.  

A través desta liña de axudas, a Deputación de Pontevedra contribúe a sufragar gastos de alimentación, vivenda, subministracións básicas, produtos e servizos de hixiene e limpeza, produtos farmacéuticos, a adquisición de electrodomésticos básicos, o pagamento de desprazamentos ou de reparación e mantemento de vehículos, así como de lentes, lentes de contacto e audiófonos, gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio, atencións de carácter complementario, roupa, calzado ou gastos relacionados co estudo e apoio á infancia. Neste caso, a contía máxima para cada concello vai desde os 7.800 aos 14.050 euros, en función da súa poboación, do índice de dependencia global, da taxa de desemprego e da renda dispoñible bruta.

Galerias de imaxes