A Deputación destina 600.000 € máis para cofinanciar os servizos sociais comunitarios municipais que alcanzan, este ano, os 3 millóns de €

Estes recursos van dirixidos a sufragar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar e os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios en todos os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia

26/04/2024

Luis López na conferencia de prensa

O presidente da Deputación de Pontevedra Luis López, acaba de confirmar que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou destinar 3,6 millóns de euros para cofinanciar os servizos sociais comunitarios municipais e impulsar axudas básicas de emerxencias nos 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Trátase, en palabras de López, “de dúas axudas que manifestan, unha vez máis, o firme compromiso do Goberno provincial coas persoas máis vulnerables, poñendo especial atención na mellora da súa calidade de vida e da súa autonomía persoal no propio domicilio”.

Por unha banda, a Deputación de Pontevedra destinará 3 millóns de €, 600.000 € máis que o pasado ano, para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que ascende a 1,2 millóns de euros, e  para os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios, con 1,74 millóns de euros. Neste eido, cada un dos 51 concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes recibirá unha contía que vai desde os 12.000 aos 110.000 €.

No que respecta ás Axudas Básicas de Emerxencia, a institución provincial destinará outros 600.000 euros para que todos os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes poidan atender á cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Deste xeito, os concellos beneficiaranse de 413.000 euros para gastos de natureza corrente e 187.000 euros para gastos de investimentos. En concreto, con estas axudas poderán sufragarse gastos para alimentación, uso de vivenda, subministracións básicas, produtos e servizos de hixiene e limpeza, produtos farmacéuticos, electrodomésticos básicos, reparación e mantemento de vehículos, lentes, lentes de contacto e audífonos, tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio, axudas para o estudo ou para mercar roupa e calzado.

audios