A Deputación constata o crecente interese da mocidade pola memoria na inauguración do ‘Canteira Fest’

O departamento de Memoria aposta por novos formatos e novos escenarios para, en palabras da deputada María Ortega, “limpar a historia da mala herba do relato franquista e sementar o desexo de lograr a sociedade que nos foi furtada”

16/09/2022

Canteira Fest  

A deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, defendeu na inauguración do Espazo Memoria habilitado no Canteira Fest de Vilaboa "o crecente interese da mocidade da provincia por coñecer a etapa máis escura da nosa historia recente". Constatouno, dixo, "coa presenza cada vez maior de mozos e mozas nas xornadas que organizamos dende o organismo provincial, e tamén coa boa reacción que amosa o alumnado dos institutos onde levamos as nosas actividades".

A deputada amosouse consciente de que aínda existe entre a poboación -e nomeadamente entre a xente máis nova- un grande descoñecemento das consecuencias do franquismo ,e por iso teima en achegar a Memoria Histórica á mocidade a través de novos formatos como o teatro, a música, a banda deseñada ou as intervencións artísticas, e a través da ocupación de novos escenarios. Isto foi o que a animou a deseñar un programa de actividades relacionadas coa procura da verdade, a xustiza e a reparación das vítimas e as súas familias no Canteira Fest, o festival que hoxe venres e mañá sábado se desenvolve na canteira de Vilaboa.

Na inauguración do Espazo Memoria, Ortega incidiu en que as actividades proxectadas para o Canteira Fest "non só abordarán o drama que padeceron as vítimas e as súas familias. Tamén porán o foco na loita que levaron a cabo, nas ideas que defendían, e na sociedade que querían construír e que o fascismo desmantelou". E lembrou que esa é a premisa fundamental do programa "O Pasado por vir" no que traballa o seu departamento.

A deputada quixo agradecer o compromiso de todas as persoas e colectivos participantes na programación do Espazo Memoria, e a axuda prestada tanto pola organización do festival como pola 'Regaduxa', a asociación que traballa na recuperación e divulgación da memoria de Vilaboa. Incidiu Ortega en que a recuperación da memoria non é un acto nostálxico senón unha ferramenta de construción dun mellor futuro.

"É unha honra para nós podérmonos sumarnos a ese traballo de sachado que as familias das vítimas e os colectivos da memoria levades anos realizando para limpar a historia da mala herba do relato franquista e sementar na nosa mocidade o desexo de construír a sociedade que nos foi furtada polo golpe. Agardamos que estes dous días dean unha colleita ben vizosa", dixo.

"A Regaduxa" estivo representada no acto de inauguración do Espazo Memoria por Tareixa Carro, integrante da directiva. Ademais, o seu presidente, o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, deu lectura ao poema "Voz de Lamoso de Postemirón".

Programación con Memoria

Dentro do programa previsto polo departamento de Memoria da Deputación, a primeira actividade da tarde de hoxe no Canteira Fest afondou no coñecemento das Misións Pedagóxicas a través do relato de Polo Correo do Vento e a música de Marcelo Dobode. A continuación, Xurxo Souto falou das persoas relacionadas coa música que foron represaliadas no país. Durante toda a xornada, Xoana Almar, de 'Cestola na Cachola', traballou nun mural dedicado ás redes de solidariedade que teceron as mulleres presas nos cárceres franquistas. Ademais, as persoas participantes no festival puideron achegarse á historia de mulleres represaliadas como A Capirota, A Calesa ou Ernestina Otero, a través de estruturas colocadas no acceso ao escenario principal e dos vídeos que a Deputación emitiu entre actuación e actuación, e tamén a través das 2.000 revistas editadas para divulgar a memoria nesta cita musical e de memoria.

As actividades continuarán, mañá sábado, coa sesión vermú a cargo de Najla Shami, o taller do Rabelo, unha nova contada de Polo Correo do Vento e Marcelo Dobode; e a performance teatral dos Quinquilláns, que contarán coa colaboración de veciñanza da zona.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.