A Deputación celebra a Rosalía con poesía, música, gastronomía e camelias convertendo o Pazo provincial no “lar” particular da autora de Padrón

Carmela Silva: “Rosalía é unha referente que segue a guiarnos e á que hai que celebrar e reivindicar todo o ano como muller universal que foi clave na construción do noso pobo”

23/02/2022

Día de Rosalía

O Pazo provincial converteuse esta tarde na “casiña” e o “lar” de Rosalía de Castro, cheo do aroma da súa poesía, do seu “caldo de gloria” e da súa pegada que case dous séculos despois do seu nacemento segue a estar máis presente que nunca. A Deputación de Pontevedra quixo render homenaxe á muller símbolo de Galicia e da lingua galega no seu día grande cun emotivo acto que aglutinou moitos dos elementos que identifican a Rosalía, “unha referente que segue a guiarnos”, como destacou a presidenta, Carmela Silva. Nun salón de plenos ateigado de público, as persoas asistentes puideron escoitar o cuarteto belga de pandeireteiras Ialma, coñecer o manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), degustar o “Caldo de gloria” de mans do alumnado do CIFP Carlos Oroza, e levaron un libro de poesía feita por mulleres e unha camelia Rosalía de Castro. No acto entregáronse tamén, coa presenza telemática das crianzas gañadoras, os premios da categoría ‘Campaniñas’ do concurso “A Nosa Rosalía” convocado pola institución provincial, que levaron centros escolares de Caldas, Pontecesures e Oia. 

A presidenta Carmela Silva, acompañada das deputadas de Cultura e Lingua, Victoria Alonso, e María Ortega, do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e da autora Míriam Ferradáns, que deu lectura ao manifesto, destacou a vixencia do pensamento de Rosalía “que foi pioneira en rebelarse contra a desigualdade das mulleres” e fixo fincapé en que esta data, por primeira vez celebrada no 23 de febreiro como xornada real do seu nacemento fai 185 anos,  “é un dos días máis grandes de Galicia”. “Somos dos únicos pobos que teñen unha muller como gran referencia, e por iso a celebramos esta xornada e reivindicamos todo o ano a Rosalía con toda a potencia que merece”, indicou a presidenta, que puxo en valor a creatividade e a paixón pola escritora, así como a necesidade de seguir inculcando o seu legado ás novas xeracións, “para que a xente moza participe activamente da súa herdanza e poidamos seguir defendendo a importancia da figura desta muller universal na construción do noso pobo”.

A programación deste Día de Rosalía foi promovida polas áreas de Lingua e Cultura da Deputación, cuxas responsables amosaron no acto a importancia de ter a autora presente durante todo o ano. A deputada de Lingua, María Ortega, chamou á cidadanía a apuntalar a lingua e a medrar como país da man de Rosalía, a quen definiu como “valente, moderna e rebelde”. Amosouse segura de que a autora de Padrón “está en cada unha das persoas que pon en valor a nosa cultura e a lingua propias máis alá das nosas fronteiras”, e destacou que na Galiza hai “moitas Rosalías, persoas fortes e comprometidas co galego ás que hai que coidar e alentar para que sigan un camiño cheo de éxitos e de divulgación e posta en valor do noso”. Por último, Ortega agradeceu a colaboración de entidades como a AELG e a Fundación Rosalía de Castro camiñando da man da Deputación para afondar no legado rosaliano e organizar e poñer en marcha actividades e iniciativas. Tamén agradeceu ao CIFP Carlos Oroza a degustación do caldo de gloria que Rosalía menciona en Follas Novas, unha receita humilde con moito significado social.

Pola súa banda, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, sinalou a importancia de que a mensaxe da autora “semente principalmente nos pensamentos dos máis novos e novas, xa que neles e  nelas está o futuro da nosa cultura e da nosa Rosalía”. Subliñou por iso a aposta da Deputación polo concurso escolar ”A Nosa Rosalía”, este ano en formato musical con vídeos nos que o alumnado musicou poemas da escritora. As propostas, dixo a deputada, “amosaron que hai un enorme talento creativo e moitas ganas de cantar e bailar, polo que o maior premio recibímolo nós na Deputación conforme nos ían chegando estes vídeos fantásticos”. Trala súa intervención déronse a coñecer os centros e alumnado gañadores da categoría ‘Campaniñas’ dirixida a escolares de 1º a 3º de Educación Primaria. As crianzas dos colexios premiados seguiron a retransmisión do evento vía telemática, e despois da proxección dun vídeo resumo de todos os centros entregáronse estes galardóns, que recaeron no CEIP San Clemente de César de Caldas (primeiro premio), o CPI Pontecesures (segundo premio) e o CEIP Mestre Manuel García de Oia (terceiro premio).

Trala entrega dos galardóns, a autora Míriam Ferradáns foi a encargada de dar lectura ao manifesto da AELG, escrito este ano por Beatriz Maceda baixo o título ‘Pensar [te] libre’, que segue o lema da AELG para 2022 de #SementadePensamentos. O manifesto subliña que a forza que atopamos en Rosalía é “recoñecérmonos como pobo forte, unido pola lingua” e lembra “o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para ‘eu tamén navegar’, para facernos parte dunha nosa historia propia e libre”. “Cosamos –concluíu– cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos”. Pola súa banda o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, sinalou que “hoxe é un día moi importante para Galicia porque celebramos unha figura que nos une, que nos representa e que nos move. E iso todo porque ela traballou pola dignidade da nosa lingua, do noso pobo e da nosa terra, e sempre desde principios que respetasen a igualdade e a liberdade. Rosalía é unha figura fundamental na defensa da igualdade das mulleres e hoxe é tamén un día feliz porque con ela celebramos unha esperanza e unha ilusión para Galicia”.

O acto contou coa actuación estrela do cuarteto belga de pandeireteiras Ialma, formado por Marisol Palomo, Verónica e Natalia Codesal e Eva Fernández, netas de migrantes refuxiadas e refuxiados en Bélxica, que se identifican con Rosalía e foron recibindo o relato das súas familias sobre o amor á súa terra. As artistas interpretaron xunto aos músicos Didier Laloy e Maarten Decombel catro temas, “Novo alén/baila bela fada”, “Sen Niño”,  “Liberdade” e “Rumuxíaba”, e ao ritmo das pandeiretas nesta última canción as persoas asistentes desprazáronse ata os vestíbulos laterais do primeiro andar do Pazo, onde o alumnado do CIFP Carlos Oroza as esperaba con outra delicia, o “Caldo de Gloria”, servido nunha cunca de barro de olaría artesanal que o público puido levar á casa. Sobre este caldo escribiu Rosalía no poema de Follas Novas ‘Miña casiña, meu Lar’, que tamén aparece nos milleiros de manteis que estes días se repartiron entre os concellos e a hostalaría da provincia, seguindo a proposta da Fundación Rosalía de Castro.

O público tamén recibiu como obsequios exemplares da camelia ‘Rosalía de Castro’ que forma parte do Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior –igualmente levaron plantas desta camelia os centros gañadores do concurso infantil para plantalos nos recintos escolares–, así como o libro “Violetas no asfalto”, de Lucía Novas,  que estrea a Colección Medal de Poesía feita por mulleres do servizo editorial do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.