A Deputación destina 275.000 euros a promocionar a provincia a través dun posto en feiras turísticas durante os próximos catro anos
A través desta actuación a institución provincial pretende difundir a provincia e potenciala como destino turístico
18/03/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, por valor de 275.000 euros, o contrato para que Turismo Rías Baixas promocione a provincia a través da súa participación con espazo propio en feiras de turismo e certames durante os próximos catro anos. Neste 2024 a institución destinará a esta actuación 83.300 euros.
Tal e como explicou o presidente provincial, Luis López, a través desta actividade promocional “o noso obxectivo é difundir os produtos, experiencias, recursos e servizos turísticos da provincia, así como potenciala como destino turístico a nivel nacional e internacional e servir de canle de intermediación para favorecer as relacións comerciais dos profesionais do sector turístico”.
Deste xeito, ao longo de 2024, está previsto que a Deputación de Pontevedra conte cun espazo propio en eventos coma o Forum Gastronómico (A Coruña, do 7 ao 9 de abril), Turexpo Galicia (Silleda, do 30 de maio ao 2 de xuño), Termatalia (Ourense, en novembro), Etiqueta Negra (Pontevedra, do 9 ao 11 de novembro) ou Fairway (en novembro), entre outros.