Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes

Charla con Santiago Gamboa

Primeira actividade 2025

A Deputación de Pontevedra organizou, no mes de outubro de 2024, un encontro literario e artístico denominado Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, co lema “Vivir das letras”, debido ao aumento de solicitudes de participación na categoría de traballo literario breve dos Premios Provinciais á Xuventude, convocados polo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, o que denota un especial interese polas iniciativas de creación literaria e artística. A este encontro asistiron, como relatoras e relatores, autores de mérito internacional coma Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro ou Arantza Portabales, entre outros.


Despois da boa acollida do encontro, en outubro deste ano 2025 realizarase unha segunda edición.

Como preámbulo deste evento, e como primeira actividade, o próximo venres 31 de xaneiro de 2025 terá lugar, ás 19:30 horas, na zona acristalada do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, unha charla literaria que impartirá o escritor colombiano Santiago Gamboa.

Alén desta primeira actividade, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, ten previsto organizar outras actividades arredor da escrita, por exemplo, obradoiros literarios dirixidos á xente nova, e publicar os textos gañadores na categoría de traballo literario das últimas oito edicións dos Premios Provinciais á Xuventude.

En marzo de 2025 publicarase a IX convocatoria dos mencionados premios.

Esta é unha grande ocasión para impulsar iniciativas e actividades literarias que poñan en valor o talento artístico da mocidade da provincia.


SANTIAGO GAMBOA

SANTIAGO GAMBOA

É un escritor, filólogo, columnista, correspondente, periodista e diplomático colombiano.

Estudou Literatura na Universidade Javeriana de Bogotá. Trasladouse a España, onde viviu ata 1990 e se licenciou en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid. Despois mudouse a París, onde cursou estudos de Literatura Cubana na Universidade Sorbona.

Debutou como novelista coa súa obra Páginas de vuelta (1995), coa que despuntou como unha das voces máis innovadoras da nova narrativa colombiana.

A continuación, escribiu Perder es cuestión de método (1997), que supuxo o recoñecemento da crítica internacional e que foi levada ao cine por Sergio Cabrera; Vida feliz de un joven llamado Esteban (2000); Los impostores (2002); El síndrome de Ulises (2005); Hotel Pekín (2009); Una casa en Bogotá (2015); Volver al oscuro Valle (2017); Será larga la noche (2019); ou Colombian Psycho (2022).

Como periodista colaborou co Servizo América Latina de Radio Francia Internacional en París e foi correspondente do xornal El Tiempo, de Bogotá, ademais de columnista da revista Cromos.