2024
Día das Letras Galegas
O outro lado das letras, Luísa Villalta
Luísa Villalta é a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024. Nada na Coruña en 1957 e falecida prematuramente en 2004 aos 46 anos, foi escritora, filóloga e violinista. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio e artigos, realizou traducións e, ademais, exerceu como mestra en distintos institutos da provincia da Coruña. Formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela desde 1985 e, posteriormente, da Xove Orquestra de Galicia, así como de diversos grupos de cámara galegos.
E ficaremos sós
mar e siléncio.
Cando a noite me veña desvendar
con amor prometido e demorado
estes ollos que ollaron tanto nada,
as follas que caíron ao meu pé
serán pisadas.
Considerada unha creadora dunha obra única e sólida, comprometida e singular que a converteu nunha das voces poéticas de referencia da segunda metade dos oitenta e noventa, con máis de vinte e cinco obras publicadas, colectivas e individuais, de diversos xéneros, algunhas delas póstumas. Como a definen as súas amizades e colegas: “unha artista total”.
Desenvolveu unha intensa actividade cultural e impartiu seminarios, recitais de poesía e conferencias, entre outros. Colaborou en varias publicacións coma Man Común, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grail, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Gallego de Literatura, A Trabe de Ouro, Enclave ou Página abierta. Participou en organizacións coma a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), o Foro pola Cultura Galega ou a Mesa pola Normalización Lingüística.
Víctor Freixanes aborda a relación de Luísa coa música: “A música foi, dende os primeiros anos, unha das súas vocacións máis motivadoras (e declaradas), seguramente tamén unha das máis esixentes. Música e poesía. Nos seus ensaios afonda con lucidez nesta relación, que se concibe como un diálogo creativo: a música como camiño de exploración e coñecemento, igual que a palabra poética”.
Para a conmemoración das Letras Galegas na Deputación de Pontevedra, realizaremos un pequeno acto de homenaxe a Luísa Villalta; nel resaltaremos as súas dúas vertentes máis destacadas na súa vida e na súa obra, a literaria e a que quedou ao outro lado das letras, a música.
Facemos así un xogo de símil cunha das súas obras de ensaio recoñecida e publicada en 1999, editada en 2021 por Galaxia: O outro lado da música, a poesía.
Xoves 16 de maio, ás 13:30 h, no vestíbulo do Pazo provincial
Presentación e lectura de poemas e outros textos de Luísa Villalta, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024, que realizarán representantes institucionais, Fina Casalderrey (escritora e académica da Real Academia Galega), Ángeles Tilve (directora do Museo de Pontevedra) e participantes do IES Sánchez Cantón.
Actuación musical do Cuarteto de Cordas do CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, integrado por Xacobe Lamas e Ângela Neto (violíns), David López (viola) e Elsa Pidre (violoncello).