A primeira xornada da Escola Mª Vinyals remata coa reivindicación unánime de visibilizar o traballo das mulleres do audiovisual
As produtoras e directoras reclaman a necesidade de aportar referentes femininas ás xeracións máis novas para que coñezan modelos de éxito das mulleres do sector
27/04/2022
O Salón de Plenos da Deputación acolleu esta tarde a primeira xornada do ano da Escola de Igualdade María Vinyals que, co título "Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?" , centrouse nas mulleres do audiovisual. A actividade, organizada coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), contou coa asistencia da presidenta Carmela Silva xunto ao presidente da Asociación, Felipe Lage, a xerenta de AGAPI Uxía Caride, as produtoras e directoras Chelo Loureiro, Paula Cons, Jaione Camborda e Ruth Cao e máis de medio centenar de persoas, e rematou coa reivindicación unánime de visibilizar o traballo das mulleres do audiovisual e a necesidade de achegar referentes femininas ás xeracións máis novas, para que coñezan modelos de éxito.
Durante o encontro, que arrancou coa estrea do documental de 26 minutos "Elas, produtoras executivas" no que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa, a presidenta Carmela Silva reivindicou que "hai moito que loitar para que ocupemos a metade de todo e, agora mesmo, os datos do audiovisual non amosan que tampouco neste sector sexamos a metade do mundo". Referiuse así a presidenta provincial aos datos recompilados no primeiro informe elaborado por CIMA de ámbito galego, no que se detalla que os homes son o 89,5% das persoas responsables de son, o 78,9% das persoas que dirixen fotografía, o 68,4% das que dirixen música, o 68,4% das que dirixen ou o 63,2% das persoas que se encargan da montaxe. "Os datos son pouco edificantes -remarcou a presidenta-. Durante moito tempo, practicamente o 100% das persoas que dirixían eran homes que amosaban a súa mirada, trasladando estereotipos e os temas que lles preocupaban, que non sempre eran os que nos preocupaban a nós. Sen nós, afirmou Carmela Silva, o relato é incompleto e desequilibrado, por iso é tan importante que as mulleres teñan unha maior presenza, para aportar outra visión". Neste eido puxo en valor a noticia feliz de que "cada vez hai máis directoras, facendo cousas potentísimas, e tamén máis mulleres protagonistas de filmes e desenvolvendo o amplo abano de profesións do audiovisual. Teñen que ter máis visibilización, sinalou, máis recursos e protagonismo nos espazos do poder".
Pola súa banda o presidente de AGAPI, Felipe Lage, subliñou o papel que está a desenvolver a asociación, dende a que se está a traballar para "visibilizar ás produtoras independentes galegas". Neste eido Lage destacou a importancia tanto do documental "Elas, produtoras executivas" como da mesa de debate: "son actividades que axudan a visibilizar e a deixar boa conta do talento das nosas empresas".
As protagonistas
Na mesa, moderada pola xerenta de AGAPI, Uxía Caride, e na que participaron as produtoras e directoras Chelo Loureiro, Paula Cons, Jaione Camborda e Ruth Cao, reclamouse a necesidade de aportar referentes femininas ás xeracións máis novas, para que coñezan modelos de éxito das mulleres no audiovisual. "Debemos crear espazos de encontro, como estas xornadas -asegurou Uxía Caride- para visibilizar o traballo das mulleres, para trasladar a poderosa e feminina realidade das produtoras galegas". Do mesmo xeito se pronunciou a produtora e directora Chelo Loureiro ao afirmar que "Galicia é terra de mulleres empresarias". Pola súa banda Ruth Cao remarcou que "a falta de referentes pode combaterse buscando unha linguaxe propia. Como non temos mulleres referentes seguimos abrindo camiños propios e formas de facer. A falta de recursos tratamos de suplila con creatividade e enxeño, non só entendida a nivel narrativo, senón a nivel de produción, coa xestión eficiente de recursos".
As directoras e produtoras tamén afondaron na profesión, nas dificultades e vantaxes de traballar no audiovisual. "A parte máis complicada da miña profesión -asegurou Chelo Loureiro- é a cantidade de xente coa que temos que traballar, coas súas singularidades, peculiaridades, personalidades… sobre todo no noso mundo no que somos artistas, técnicas… Combater con todos eses egos sen que ninguén se sinta mal é complicado". Neste mesmo eido afondou Jaione Camborda ao afirmar que "o cinema é unha cuestión grupal. Temos moita forza e personalidade e pelexar con todas esas psicoloxías paréceme especial, bonito e do que desfruto, pero tamén é complexo ás veces". Pola súa banda Paula Cons remarcou sentirse "máis cómoda na dirección, o que me gusta é xerar contidos". Sen embargo tamén dixo que "a produción executiva é un traballo moi interesante e creativo, que permite configurar o deseño dun proxecto e decidir a onde se destinan os recursos. Moitas veces dedicámonos á produción para empurrar os nosos propios proxectos".