A compostaxe: problemas e solucións

Programa de compostaxe local

Revitaliza

A compostaxe: problemas e solucións


No proceso da compostaxe débense mesturar os restos frescos das cociñas e hortas (biorresiduos húmidos) con materiais vexetais secos, preferentemente leñosos, triturados ou partidos, para conseguir o compost final. Estes materiais secos, moi ricos en carbono, denomínanse estruturante porque lle dan “estrutura” ao material que se vai compostar: permiten que se airee e compensan a humidade.

Como estruturante pódense empregar restos de poda triturada, follas secas, serraduras, labra de madeira natural, palla ou herba seca.

En primeiro lugar, debemos mesturar os restos de comida e vexetais co estruturante no composteiro, xa sexa individual ou comunitario; estes comezarán a degradarse grazas ás bacterias. Prodúcese un quentamento da pila que se vai compostar, que emite vapor de auga pola parte superior.

Tras as primeiras bacterias aparecen outros organismos que actúan a temperaturas maiores, o que produce unha degradación máis rápida e garante a eliminación de posibles patóxenos.

Pasado un tempo, diminúe a actividade biolóxica; os materiais entran nun período de descomposición lenta que pode durar varios meses. A temperatura da pila vaise reducindo e comezan a traballar microorganismos que axudan a degradar as partes menos biodegradables. Ao final da maduración obtense o compost.

Durante todo o proceso debemos garantir unha humidade e unha ventilación correctas. A humidade debe estar por riba do 40 %, polo que se regará ou se engadirán materiais secos se fose preciso. Conseguir unha boa ventilación é fácil, xa que só fai falta engadir estruturante e remexer para manter esponxoso o conxunto.

Problemas e solucións

  • A temperatura non aumenta e o material está moi seco: mesturar restos de cociña e remexer, ou regar lixeiramente e remexer
  • A temperatura non aumenta e o material está moi húmido: remexer e, se non funciona, engadir estruturante e remexer
  • Hai moitas moscas da froita: remexer e tapar con estruturante
  • Cheira a amoníaco: remexer e tapar con estruturante
  • Cheira a podre: engadir estruturante e remexer