Luis López destaca o traballo da Deputación para aumentar en 1,8 millóns de euros a recadación dunha ducia de concellos polos que pasa a AP-9
O presidente provincial referiuse ao remate da bonificación do 95 % do IBI da que gozaba Audasa e que aumentará os ingresos dos doce concellos que teñen delegada a recadación no ORAL desde os 118.000 euros ata un total de 2 millóns de euros
03/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o traballo da Deputación, a través do ORAL, para conseguir que os concellos da provincia polos que transcorre a autopista AP-9 aumenten os seus ingresos en 1,8 millóns de euros procedentes da recadación do IBI ao caducar a bonificación do 95 % da que se beneficiaba Audasa, a firma que ten a titularidade desta autoestrada. "De 118.000 euros pasarán a ingresar 2 millóns de euros que reverterán nas súas arcas públicas e poderán ser empregados para sufragar mellores servizos para os veciños", subliñou o mandatario provincial.
Os concellos polos que discorre a AP-9 e que teñen delegada a recadación no ORAL son: Barro, Caldas, Meis, Moaña, Mos, Poio, Pontecesures, O Porriño, Portas, Tui, Valga e Vilaboa. "A Deputación, dentro do seu mínimo marxe de manobra, traballou para que a AP-9, en lugar de tanto custo, deixara maiores ingresos para a cidadanía da provincia", destacou Luis López. Neste sentido, o presidente puxo como exemplo deste logro ao Concello de Vilaboa. "De 21.000 euros que ingresaba o ano pasado pasará a recadar, e grazas ás xestións da Deputación, case 435.000 euros. Nin que dicir ten a diferenza que supón para Vilaboa esta inxección de recursos", comparou o presidente.
Ademais de Vilaboa, tamén verán incrementados a súa recadación polo IBI da AP-9 os outros once concellos. Deste xeito, Barro pasa de percibir 9.000 a recibir 187.600 euros; Caldas, de 16.700 a 335.000 euros; Meis, de 193 a 3.800 euros; Moaña, de 19.000 a 20.000 euros; Mos, de 8.400 a 170.000 euros; Poio, de 1.700 a 34.000 euros; Pontecesures, de 3.500 a 71.000 euros; O Porriño, de 11.100 a 224.000 euros; Portas, de 7.700 a 154.500 euros; Tui, de 7.700 a 154.500 euros; ou Valga, de 21.700 a 435.000 euros.
"Hoxe podemos celebrar que podemos falar da AP-9 en termos de ingresos, en lugar que en termos de gasto para o peto dos usuarios", valorou Luis López.
Neste sentido, o presidente da Deputación reflexionou tamén sobre a xestión desta autoestrada por parte do Goberno central despois de que a Comisión Europea abrira un expediente de infracción a España pola concesión da AP-9 comparar as xestións realizadas polo seu goberno. "Onte soubemos que na Asemblea de Portugal votouse, co voto favorable, entre outros, do Partido Socialista, poñer fin as peaxes de varias autoestradas lusas, entre elas, a que conecta Porto con Vigo (A-28). Unha situación que contrasta, naturalmente, coa que vive a AP-9 en Galicia, con subas indiscriminadas ano a ano", lamentou Luis López.