Reacción Pontevedra Provincia (ReacPon)

#ReacPon

Reacción Pontevedra Provincia

Un ambicioso plan de investimentos para relanzar a economía da provincia

A Deputación de Pontevedra lanza Reacción Pontevedra Provincia (ReacPon), o plan de investimento público más ambicioso da historia da institución, dotado cun orzamento de 47,2 millóns de euros. O seu obxectivo é impulsar a economía da provincia xerando actividade e axudando a manter o emprego.


A institución provincial aposta polo investimento público como ferramenta para estimular a actividade económica despois da pandemia da COVID-19. Esta potente inxección de recursos destinada á transformación da provincia de Pontevedra súmaselles aos 168 millóns do orzamento aprobado para 2021. Esta mobilización de fondos sen precedentes na historia da Deputación pretende incidir na recuperación da economía pontevedresa de xeito inmediato e directo.

O novo plan ReacPon contará con dúas liñas de actuación. A primeira vai dirixida aos concellos e estará dotada con 20 millóns de euros, que se repartirán por concorrencia competitiva. O segundo bloque de diñeiro será xestionado directamente pola Deputación. Serán 27,2 millóns de euros financiados con remanentes e cun nivel de débeda asumible.

Dotarase os concellos de máis equipamentos sostibles, avanzarase na aplicación dos principios e obxectivos da Axenda 2030 no territorio, favorecerase a accesibilidade a espazos e infraestruturas locais, aproveitarase para loitar contra o despoboamento e propiciaranse proxectos encamiñados a favorecer a conectividade e a dixitalización do conxunto de Pontevedra.

En canto aos fondos de xestión directa, a Deputación de Pontevedra buscará a transformación dos servizos e dotacións da institución para a modernización, sostibilidade, dixitalización e restauración ambiental da provincia.