Novas Tecnoloxías
O Servizo de Novas Tecnoloxías ten como obxectivo principal a implantación e o mantemento das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) tanto na Deputación de Pontevedra coma nos concellos da provincia.
Para conseguir este obxectivo o Servizo de Novas Tecnoloxías está estruturado en dúas áreas de traballo:
- Área de Sistemas e Telecomunicacións
- Área de Desenvolvemento e Web
Funcións da área de Sistemas e Telecomunicacións
A área de Sistemas e Telecomunicacións dálles soporte 24 x 7 ós usuarios no relativo ó mantemento do equipamento hardware e software así como da telefonía da institución provincial.
Este soporte engloba as seguintes tarefas:
- O deseño de arquitecturas de rede e sistemas
- O deseño de plans para implantar solucións
- A instalación e a actualización do equipamento hardware e software
- A definición e a aplicación de políticas de seguridade
- A xestión do servizo corporativo de correo electrónico
- A administración da central telefónica unificada
- A administración de bases de datos
- O rexistro, o seguimento e a resolución de incidencias relacionadas coas TIC
A área de Sistemas e Telecomunicacións conta cun Centro de Atención ó Usuario (CAU), que permite a resolución das incidencias na maioría dos casos en liña. O CAU está formado por un equipo de persoas organizadas para atender as necesidades que xurdan en tres niveis de soporte. Para os casos nos que a solución dunha incidencia necesite da asistencia no lugar de traballo onde se produciu, o CAU ten un grupo de técnicos que traballan de forma descentralizada nos diferentes edificios da Deputación de Pontevedra.
Funcións da área de Desenvolvemento e Web
O persoal desta área analiza as necesidades detectadas nos servizos da entidade e nos concellos da provincia para posteriormente realizar a definición dos aplicativos adecuados así como a súa implantación e mantemento.
A área de Desenvolvemento e Web ocúpase das seguintes tarefas:
- O deseño, a implantación, a proba e o mantemento de todas aquelas aplicacións que respondan ás necesidades presentadas polos servizos da Deputación
- O mantemento e a actualización dos principais aplicativos da Deputación de Pontevedra: contabilidade, nómina e recursos humanos, xestión de tributos, xestión de expedientes, entre otros.
- A identificación de novas necesidades dentro das TIC e a avaliación de solucións de mercado aplicables para a súa resolución
- A identificación e deseño de módulos complementarios para as aplicacións xa existentes na institución
- O deseño das bases de datos necesarias para dar servizo ás aplicacións
- O apoio ós usuarios en proceso de adaptación ás novas tecnoloxías
- O desenvolvemento da administración electrónica dentro da institución e dos concellos da provincia
- A definición, o desenvolvemento, a implantación e o mantemento da infraestrutura de portais web da institución
- A realización de tarefas de auditoría informática dentro da Deputación
O Servizo de Novas Tecnoloxías, grazas ó cofinanciamento da Unión Europea, puxo en marcha varios proxectos de grande alcance e importante repercusión.
Estes proxectos concibíronse co obxectivo de modernizar a Deputación de Pontevedra mediante o uso das TIC, para mellorar a xestión e prestar un servizo de maior calidade ó cidadán.
información
- Edificio Administrativo
- Avenida de Montero Ríos, s/n - 36071
- +34 986 804 100
- novastecnoloxias@depo.es