Infraestruturas e Vías Provinciais

O Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais da Deputación de Pontevedra atende a dúas áreas de traballo:

  • Área de Infraestruturas e Vías Provinciais
  • Área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos

A Área de Infraestruturas e Vías Provinciais encárgase da xestión e explotación das estradas de titularidade provincial de Pontevedra, un total de 368, que supoñen uns 1.625 quilómetros distribuídos pola práctica totalidade de concellos da provincia. Concienciados do cambio de paradigma da mobilidade nos últimos anos e de forma aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda Urbana, desde esta Área estanse a promover actuacións para transformar as estradas de forma que se recupere o espazo público que o vehículo a motor monopolizou nas últimas décadas, coa visión de mellorar a mobilidade das persoas usuarias máis vulnerables a través do establecemento dun cambio de prioridades: 1.º peoa/peón, 2.º ciclista, 3.º transporte público e 4.º vehículo privado.

Por outro lado, a explotación das estradas provinciais inclúe, asemade, a conservación e o mantemento do dominio público viario, que ten por obxecto preservar o estado dos seus bens, manter a vialidade da rede e exercitar o uso e defensa do dominio público viario.

Pola súa parte, da Área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos destaca a creación da Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público, unha rede de acción institucional á que se adhiren os concellos da provincia co compromiso de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía, realizando políticas de recuperación dos seus espazos públicos e fomentando as mobilidades alternativas nos seus termos municipais. A Deputación ofrécelles asesoramento técnico aos municipios adheridos, promove a Facultade Ágora co fin de formar o persoal técnico e político sobre o espazo público desde a perspectiva de consideralo escenario natural da vida colectiva, fomenta a realización de actuacións que promovan mobilidades activas, en definitiva, promove a recuperación de espazos públicos para as persoas nos concellos adheridos.

información

  • Edificio Administrativo
  • Avenida de Montero Ríos, s/n - 36071
  • +34 986 804 100
  • infraestruturas@depo.gal