#INFRAESTRUTURAS

Plan de aforos

Rede de estradas da provincia

A Deputación de Pontevedra está a estudar a súa rede viaria para obter datos actualizados sobre o uso que a cidadanía fai das estradas provinciais. A Deputación é titular de 377 estradas e case 1.700 quilómetros de lonxitude, o que supón o 50 % da rede viaria na provincia (contando a do Estado e da Xunta), pero que só soportan o 16 % do tráfico total.


En 2017 realizouse un Plan de Aforos que analizou a intensidade media diaria (IMD) por parte de vehículos lixeiros e pesados, así como a súa velocidade. Os  datos dos 400 aforos realizados, xa presentados na Comisión de Seguranza Viaria da provincia, revelan que en máis da metade da rede viaria provincial o número de vehículos diarios non chega aos 1.000, que só 16 estradas soportan un tránsito de máis de 5.000 vehículos e que hai 13 vías que apenas chegan aos 50 vehículos por día. En canto ás velocidades, detectáronse medias moderadas, pero tamén algunhas estradas que presentan valores moi superiores aos admitidos para as súas características.

Dado que os resultados dos aforos de cada vía poden variar segundo o punto quilométrico, a estación ou o mes do ano en que se fan, é preciso levar un control constante para detectar os puntos máis conflitivos. Así, unha vez obtida unha visión global da rede no Plan de Aforos 2017, está xa en marcha unha segunda fase, o Plan de Aforos 2018-2021.

O motivo destes estudos é dispoñer do maior número de datos da rede viaria provincial para tomar decisións máis acertadas sobre a súa conservación e mellora: os criterios principais á hora de determinar un investimento serán o maior servizo á cidadanía, a maior conectividade e a seguranza viaria.

Memorias anuais